BAMAD GALICIA

Inicio » Bibliotecas » Bibliotecas municipais » Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas municipais 2015

Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas municipais 2015


Calculadora

Declaración de BAMAD Galicia ante a Orde da Consellería de Cultura de subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas municipais 2015

A Consellería de Cultura publica a ORDE do 22 de xuño de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual a concellos de Galicia para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas de Galicia e se procede á súa convocatoria para o período do 1 de maio de 2015 ao 1 de abril de 2016.

Na orde, igual que o pasado ano, indícase que poden acceder unicamente a esta convocatoria os concellos de menos de 30.000 habitantes. Ademais das 7 cidades, quedan fora da convocatoria, os concellos como Arteixo, Carballo, Narón, Oleiros e Vilagarcía (segundo os datos de poboación do INE a 1 de xaneiro de 2013). O conxunto dos concellos excluídos desta convocatoria representan o 42% da poboación de Galicia.

Esta orde supón incumprir a obriga da Xunta de Galicia de “establecer anualmente nos seus orzamentos programas para a adquisición de fondos e recursos tecnolóxicos, actividades de difusión e formación do persoal e outros que puideren considerarse necesarios para a Rede de bibliotecas públicas de Galicia” xa que se refire a toda a Rede de Bibliotecas e non só a unha parte da mesma, como se recolle na Lei de Bibliotecas de Galicia.

A xustificación da Xunta para deixar fóra estes concellos é “Acadar unha maior cohesión territorial de Galicia e a necesidade de asegurar que os concellos de menor poboación e con menores recursos para dotar os seus servizos bibliotecarios poidan recibir unha cantidade que realmente lles permita actualizar os seus fondos e prestar un servizo aos seus usuarios de similar calidade que o que reciben os dos concellos máis poboados de Galicia, que recibiron nos anos anteriores maior volume de recursos, xustifican a necesidade de concentrar todo o orzamento dispoñible unicamente nos concellos de poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes.”

Porén esa pretendida cohesión dificilmente se vai poder acadar coas cantidades máximas que van conceder por concello, en moitos casos ridículas. As axudas serán das seguintes contías segundo a poboación do concello:

  • Menos de 2.000: recibirán un máximo de 500€
  • De 2.001/5.000: recibirán un máximo de 1.000€
  • De 5.001/10.000: recibirán un máximo de 1.500€
  • De 10.001/20.000: recibirán un máximo de 2.000€
  • De 20.001 a 30.000: recibirán un máximo de 2.500€

En anos anteriores as axudas de cofinanciamento recollían unhas condicións nas que a Consellería aportaba unha porcentaxe para as adquisicións dependendo das cantidades aportadas por cada concello, o que favorecía que os concellos se implicasen no mantemento da colección das súas bibliotecas se querían participar deste programa de axudas.

Dende o ano pasado xa non se solicita a mesma implicación dos concellos e ademais “penalízase” aos concellos de maior poboación que son tamén os que máis cidadáns teñen que atender e, normalmente, os que máis invisten nas bibliotecas por ter unha maior poboación.

Desde BAMAD Galicia recoñecemos que as axudas deben favorecer unha maior cohesión territorial beneficiando as bibliotecas menos desenvolvidas, pero isto non se debe facer excluíndo a outras bibliotecas. Por outro lado as partidas de “cohesión” indicadas máis arriba en nada van axudar a mellorar as coleccións xa que se trata de partidas ridículas para os municipios máis pequenos.

Para a mellora das bibliotecas e das súas colección cremos que é necesario desenvolver a Lei 5/2012 de Bibliotecas no que respecta ao tipo de bibliotecas e servizos que deben ofrecer. O desenvolvemento de novos servizos poden ser levados a cabo por bibliotecas supramunicipais que faciliten ofrecer máis servizos e acceder a máis fondos que os propios aportados por cada concello.

Por último as entidades de profesionais que traballamos a favor dos servizos bibliotecarios ofrecemos como sempre a nosa colaboración para participar no desenvolvemento e mellora destes servizos.

 

A Coruña, 9 de xullo de 2015

A xunta directiva de BAMAD Galicia

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: