BAMAD GALICIA

Inicio » 2015 » Outubro

Monthly Archives: Outubro 2015

Advertisements

Orzamentos 2016 da Xunta para Arquivos

O proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2016 volve reducir, esta vez un 3,39%, a partida dedicada a Arquivos. Desde o ano 2012 a redución foi dun 44%

Estas mínimas dotacións orzamentarias continúan asfixiando os centros e seguen a reducir as posibilidades de levar a cabo unhas políticas arquivísticas adecuadas á realidade do noso país.

Os centros dependentes e xestionados pola Xunta de Galicia carecen de infraestruturas para exercer as súas funcións e de persoal suficiente, déficits que con este orzamentos xa se fan crónicos.

Nin sequera nun ano electoral as partidas medran, aínda que chama a atención a redución de case todos os conceptos para mellorar a partida dedicada a actividades de difusión. Isto, terá que ver co ano electoral?

A lei de arquivos aprobada en 2014 tampouco parece que estexa a remediar os problemas. Nesta lei está previsto que no prazo de seis meses desde a súa publicación, a Xunta de Galicia regulará a organización e funcionamento do Consello de Arquivos de Galicia e do Consello de Avaliación Documental de Galicia. E este prazo cumpriuse en abril do 2015, e seguimos sen regulación.

Tamén neste mes de outubro cúmprese o prazo establecido (un ano desde a entrada en vigor) para que consellaría competente en materia de cultura lle propoña ao Consello da Xunta de Galicia a aprobación dun Plan de Arquivos, que avaliará as necesidades de persoal e de infraestruturas dos arquivos do Sistema de Arquivos da Xunta de Galicia, e de momento non coñecemos nada dese plan.

Nesta situación, os profesionais reclamamos da Xunta de Galicia un esforzo en materia de orzamentos para arquivos e que cese esta asfixia económica que supón a mingua orzamentaria,que segue a deteriorar os servizos públicos.

 

Cadros comparativos e gráficos dos últimos cinco anos

Partidas 2016 2015 2014 2013 2012
Bolsas para conservación do Patrimonio documental en arquivos (4801) 107.406 107.406 107.406 107.406 111.762
Maquinaria, instalacións e utensilios de arquivos. adquisicións (6231) 4.972 14.972 14.972 14.972 24.000
Mobiliario e útiles de arquivos (6252) 8.835 8.835 8.835 8.835 25.000
Proxectos e informes e dirección en materia de arquivos (6283) 18.750 30.000 60.000 60.000 167.058
Adquisicións e restauración do patrimonio documental (6284) 10.850 75.000 75.000 75.000 122.285
Movemento e traslados de fondos documentais (6285) 0 2.100 2.100 2.100 3.907
Publicacións en materia de arquivos (6286) 6.095 14.095 14.095 14.095 23.000
Obras de conservación de arquivos (6321) 23.000 30.000 30.000 30.000 36.445
Actividades difusoras e de promoción de arquivos e patrimonio documental (6404) 141.250 50.000 50.000 50.000 60.000
Total 321.158 332.408 362.408 362.408 573.457

 

Comparativas:

Orzamentos para Arquivos evolución OrzArq2016Total

Orzamentos Arquivos detalle e totalOrzArq2016Partidas

 

 

 

Advertisements

Orzamentos 2016 da Xunta para Bibliotecas

Comunicado de BAMAD Galicia ante os novos orzamentos da Xunta de Galicia para Bibliotecas 2016

 

A semana na que celebramos o Día da Biblioteca, o sábado 24 de Outubro, a Xunta presenta a proposta de Orzamento 2016 de Galicia no que as Bibliotecas volven a ver reducido o seu orzamento.

 

O proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2016 aínda baixa, con respecto ao 2015, un pouco máis (o 0,05 %) os xa de por si escasísimos recursos para as Bibliotecas. Despois de anos de baixadas moi fortes, de conxelacións, e nun ano electoral no que os orzamentos xerais soben, as bibliotecas de Galicia contarán con menos recursos. Estas mínimas dotacións orzamentarias continúan asfixiando os centros, proceso iniciado hai xa varios anos, e seguen a reducir as posibilidades de levar unas políticas bibliotecarias que se adecúen á realidade do noso país.

Por terceiro ano consecutivo o orzamento está estancado. Esa pequena baixada do 0,05% con respecto ao 2015 refírese á partida de bolsas de formación para futuro persoal bibliotecario e aos Lotes fundacionais, a partida destinada á dotación de bibliotecas de nova creación. Esta baixada na partida de lotes fundacionais vese compensada polo incremento na partida destinada a actividades culturais e de promoción da cultura. Os 40.000€ que se lle retiran a unha incrementan a outra.

Nesta situación vemos que os asuntos pendentes que aínda teñen as bibliotecas galegas non teñen visos de ser superados.

  • A dotación de persoal do Servizo de Bibliotecas e das bibliotecas dependentes da Xunta de Galicia é insuficiente. Cremos que hai que facer unha aposta forte por dotar de persoal profesional o servizo que dirixe a Rede de Bibliotecas de Galicia. Está pendente de rematar e aprobar o Mapa de Bibliotecas públicas de Galicia e os Indicadores de Bibliotecas que, segundo a Lei de Bibliotecas do 2012 terían que ter sido xa creados e aprobados ao pouco de ter aprobado a Lei e que deben ser realizados polo Servizo de Bibliotecas.
  • A Rede de Bibliotecas encóntrase nun proceso de cambio do Software de xestión bibliotecaria que nesta ano 2015 se realiza, principalmente, nas bibliotecas nodais pero que, no 2016, debería abarcar a maioría das demais bibliotecas da Rede.
  • A partida de promoción da lectura e do libro debería ser maior (moi lonxe aínda da partida aprobada en 2012 ao inicio da crise), e esta partida debería contemplar a promoción non só das bibliotecas senón de todo o ecosistema do libro contemplando a relación entre editoriais, librerías e bibliotecas.

Nesta situación, os profesionais reclamamos da Xunta de Galicia un esforzo en materia de dotación nos orzamentos das bibliotecas, centros rendibles social e tamén economicamente, e que cese a asfixia económica que supón a mingua orzamentaria.

A pesar dos recortes nos orzamentos as bibliotecas continuamos traballando. Nesta semana na que celebramos o Día da Biblioteca realizaremos actividades na maioría das bibliotecas do país cumprindo coa nosa obriga de fomentar a educación, o ocio e a cultura a través dos libros e a lectura. Teremos presenza nas redes sociais con #DíadaBiblioteca

Pódense ver algunhas das actividades que se van realizar nas bibliotecas galegas no blogue de Bamad Galicia.

A Xunta Directiva de Bamad Galicia

A Coruña, 23 de Outubro de 2015

 

Incorporamos cadros comparativos e gráficos dos últimos anos

BIBLIOTECAS:

Partidas 2016 2015 2014 2013 2012
Bolsas formación (4800) 216.940 217.740 217.740 217.740 243.920
Equipamento da rede (mobiliario) (6251) 90.000 90.000 90.000 100.000 64.800
Lotes fundacionais (6281) 560.000 600.000 600.000 650.000 1.500.684
Obras e reparacións na rede de bibliotecas de Galicia (6322) 60.000 60.000 60.000 100.000 190.000
Promoción da lectura e do libro (6402) 200.000 200.000 200.000 300.000 346.845
Actividades culturais e animación á lectura e bibliotecas (6405) 240.000 200.000 200.000 200.000 250.000
Formación (6400) 10.550 10.500 10.500 10.500 15.000
Total 1.377.490 1.378.240 1.378.240 1.578.240 2.611.249

 

Orzamentos de Bibliotecas evolución de 2012 a 2016

Orzamento12-16

Bibliotecas detalle e total

Total12-16

 

24 de outubro, Día da Biblioteca 2015

O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas que se ven celebrando desde o ano 2004 nas bibliotecas españolas.

Esta actividade, promovida pola Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, ten como obxectivo concienciar a sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao labor do persoal bibliotecario.

Cada ano unha persoa autora e unha ilustradora, de recoñecido prestixio, son os encargadas da redacción do pregón e o deseño do cartaz que se difunde entre todas as bibliotecas do Estado. Neste ano 2015 as persoas seleccionadas son os autores Diego Arboleda, escritor Premio Nacional de Literatura Infantil 2014 e Leticia Ruizfernández, ilustradora.

Cartaz dia Biblios 2015

O Observatorio de la Lectura y el Libro propoñen a campaña #vivalabiblio en Twitter no que popoñen “declarar o amor” por algunha biblioteca e/ou persoal bibliotecario. Realización dun vídeo que recolle testemulas de 6 personas anónimas explicando por que as bibliotecas son importantes nas súas vidas.

O Día das Bibliotecas en Galicia

O Día das Bibliotecas tamén se celebra nas bibliotecas galegas con numerosas actividades, algunhas das cales indicamos a continuación (en construción):

Utilizaremos #DíadaBiblioteca para difundir as actividades.

Carballo:

Biblioteca Rego da Balsa:

  • Sábado 24: Spain in a day. Este día no que a biblioteca cumpre o seu primeiro aniversario, vaise participar no proxecto dirixido por Isabel Coixet da gravación dunha curtametraxe que mostre o día a día  na biblioteca:  ofercerlles aos usuarios a posibilidade de realizar eles mesmos o seu “Spain in a day” na biblioteca nese 24 de outubro e utilizar o vídeo para dar a coñecer o traballo do persoal bibliotecario e ofertar un novo enfoque de biblioteca.

Corcubión:

Biblioteca Municipal:

  • Sábado 24: Migallas Teatro coa obra “Merenda con pan de millo”, de 4 a 12 anos, ás 12h. na Casa da Cultura

24OutCorcubion

Coruña:

Biblioteca Provincial da Deputación:

  • Venres 23: Bookcrosing, Exposición do fondo documental antigo, Obradoiro sobre Alicia no país das maravillas…
  • Sábado 24: Obradoiro de robótica e programación e Obradoiro de experimentos.
  • Programa completo

Coruña:

Biblioteca Pública Miguel González Garcés:

Actividades na semana do 19 ao 25 de outubro.

  • Do 19 ao 27: Obradoiro de expresión corporal “As cidades invisibles” de Italo Calvino
  • Sábado 24: Contos do marmeleiro, anís e limón con Marisa Irimia, para maiores de 4 anos.
  • Programa completo

Oleiros:

Bibliotecas Municipais:

Sobres sorpresa, obradoiros, contacontos, actuacións musicais e actividades para o Día da Biblioteca 2015 desde o 21 ao 30 de outubro.

Programa completo

Ortigueira:

Biblioteca Municipal Juan Fernández Latorre:

  • Mércores 21 ás 17:30 h. “Libros en-cantados” con Magín Blanco. Actividade para público infantil e familiar incluída no programa Ler conta moito.
  • Do Xoves 22 ao mércores 28 campaña “Ser soci@ dache +”: Os socios da biblioteca que consigan que outra persoa solicite o seu carné recibirán un agasallo, igual que o novo soci@.

Ourense:

Biblioteca Pública:

  • Sábado 24: obradorio para coñecer o mundo das bibliotecas a través do libro A raíña de Turnedó de Gloria Sánchez e Pablo Otero , para nenos e nenas maiores de 6 anos.

Redondela:

Biblioteca Municipal Valle-Inclán:

  • Venres 23: Contacontos de libros contentos con Carmen Domenech (Títeres Cachirulo) ás 18,30h., nenos e nenas maiores de 4 anos, na Axencia de Lectura Municipal de Chapela.

24Out15Redondela

Rianxo:

Biblioteca Municipal Castelao:

  • Venres 23: Por que é salgada a agua do mar?, con Os Quinquilláns, 19h. para todos os públicos
  • Sábado 24: de 11 a 14 h. actividades sobre o mar: visitas guiadas, obradoiros e exposición sobre o mar.
  • Programa completo

24out15Rianxo

Ribadavia:

Biblioteca Municipal:

Venres 23:

  • Conto contigo” da compañía Expresión produccións. Animación á lectura con contacontos, monicreques e maxia.
  • Ademais de contos, trabalinguas, cancións, concursos etc. as 11 h. na sala infantil da biblioteca. Nenos de 1º e 2º de Primaria
  • Sorteo de libros.

Santiago de Compostela:

Biblioteca Pública Ánxel Casal:

  • Durante todo o mes de outubro na sala infantil: Mostra bibliográfica “Historias de biblioteca”
  • Na semana do 19 ao 24 de outubro: Liberación de libros
  • Venres 23: Visitas guiadas ás 12 e 16 h.
  • Venres 23: Quen matou ao bibliotecario?, sala infantil, ás 18,30h. de 6 a 12 anos.
  • Sábado 24: entrega de lotes de libros aos superlectores infantís e adultos.
  • Sábado 24: contacontos: “Libros en-cantados” con Magín Blanco ás 12h.
  • Desdo o 24 de outubro ao 11 de decembro: IV Concurso de fotografía Lendo en Compostela, para participar e envío de obras: biblio.publica.santiago@xunta.es
  • Programa completo

O Saviñao:

Biblioteca Municipal:

  • Venres 23: Noite na biblioteca: de 22 a 24.30h.: Visitas guiadas, Microvisitas, Actividades xaponesas, Obradoiro de cociña, xogos, contos do mundo, obradoiros, Encontro con Rhodea Blasón, Xogando con Filgueira Valverde.
  • Sábado 24: cea de confraternidade na Pobra de Brollón ás 21,30h. Entrega de premios do II Certame de Divulgación Mulleres de Lemos: María Castaña e convocatoria do III Certame.
  • Programa completo

Verín:

Biblioteca Pública Municipal:

Actividades na biblioteca durante todo o mes de outubro, sinalamos as da semana do 24:

  • Mércores 21: “O mundo da morte, as ánimas e os defuntos na cultura galega”, conferencia a cargo de Miguel Losada (Sociedade Antropolóxica Galega
  • Venres 23: Celebración do Día da Biblioteca, contacontos e manualidades, de 3 a 9 ano
  • 27 e 28 de Outubro: Obradoiro de cabazas do Samhain,  de 3 a 9 ano
  • 29 de Outubro: Presentación da obra “Amigo medo”, do autor Javier López Rodríguez, ás 19:30 horas, entrada libre na Biblioteca do Concello de Verín
  • 30 de Outubro: Samhain na Biblioteca, contacontos e manualidades, de 3 a 9 anos

24Out15Verin

Vigo:

Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel:

  • Xoves 22:  “Historias de cores”. Ana Carreira. Narración oral para nenos e nenas.
  • Venres 23:  Xornada de portas abertas: Visitas guiadas ás 12:30 e ás 18:00.
  • Sábado 24: “Periplo interestelar”.  Polo Correo do Vento.

Vigo:

Centro Oceanográfico de Vigo:

  • Do 20 ao 26 de outubro: Seguimos Buscando a Nemo: chamamento á colaboración de todo o persoal do Centro para aportar ideas/suxestións/queixas de cara á mellora continua da Biblioteca. Obsequios aos participantes.

Xermade:

Biblioteca Municipal:

  • Obradoiro creativo: “Os cazatesouros da rede“, busca de información en internet
  • Boletín das últimas novidades na biblioteca
%d bloggers like this: