BAMAD GALICIA

Inicio » Actividades Bamad » Abrir os arquivos

Abrir os arquivos


abrir1

Poñendo en común e en dixital o noso patrimonio cultural

O sábado 20 de febreiro fomos convidados a participar na iniciativa Abrir os Arquivos, grupo de traballo informal que procura pór en común obxectivos e estratexias do mundo da cultura para o uso, reutilización e preservación dos contidos dixitais na internet.

Na reunión participamos unhas 20 persoas entre profesionais da documentación e creadores/recolectores de contidos audiovisuais. Entre os representantes profesionais encontrábanse: Daniel Buján da Biblioteca de Galicia, Gabriel Quiroga do Arquivo de Reino de Galicia, José María Cumbraos, Xefe de sección de Fondos audiovisuais do Arquivo da Deputación de Pontevedra, e en representación de Bamad o secretario.

Desde a parte profesional comentáronse as seguintes cuestións:

  • Clarificar conceptos: arquivos non é o mesmo que obxectos dixitais
  • Falar de boas prácticas: descrición documental, normalización, metadatos…
  • Pendente de aprobar o decreto do Depósito Legal de Galicia pendente de publicar, aplicando o decreto estatal para as publicacións electrónicas que procurará recoller as publicacións electrónicas galegas
  • Necesidade de utilizar protocolo OAI para que a información poda ser recolectada desde a Biblioteca de Galicia

Desde o sector da cultura e os proxectos representados botan en falta o apoio da administración e a falta de interese en conservar a súa documentación, que en moitos casos ofrecen gratuitamente á administración.

Habilitouse un espazo web http://abrirosarquivos.tumblr.com e unha lista de correo para seguir traballando como grupo informal achegando propostas, comentarios… Proponse utilizar a etiqueta #AbrirOsArquivos para aportar cuestións sobre o tema nas redes sociais.

No listado de entidades participantes pódense ver moitos proxectos interesantes que se están realizando.

 

O documento  incial co que se nos convidou a participar: Abrir os Arquivos

abrir2

Este é o resumo da xornada  do Grupo de Traballo.

Abrir os Arquivos:

Cada día xéranse milleiros de contidos dixitais arredor das prácticas culturais, ben sexan produtos finais (obras audiovisuais, sonoras e gráficas, páxinas web, publicacións editoriais, etc.) ou ben documentos de traballo intermedios (memorias de proxectos, entrevistas, sesións fotográficas, soportes publicitarios e carteis, entre moitos outros).

Cada ano moitos destes contidos desaparecen ou deixan de estar accesibles porque non se renova un aloxamento web, a tecnoloxía queda obsoleta (webs en flash, por exemplo) ou porque a conservación limítase só a copias persoais en dispositivos físicos como discos duros, memorias flash, CDs ou DVDs, os cales están xa comezando a deteriorarse e perderse, moito máis rápido incluso que outros soportes analóxicos como VHS ou casetes, por poñer algún exemplo.

Abrir os Arquivos nace como un grupo informal de traballo arredor da preocupación pola preservación, accesibilidade e utilización de contidos dixitais culturais, pensando especialmente nos arquivos visuais, sonoros e audiovisuais.

A iniciativa está impulsada inicialmente por María Yáñez (A Navalla Suiza, Embed) e Sergio Lago (BenCuriosa, Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural da USC), buscando un formato de participación aberta a todas aquelas persoas interesadas na temática e que traballen con arquivos, creación (gráfica, sonora ou audiovisual), comunicación dixital ou xestión de proxectos culturais sobre memoria e patrimonio inmaterial.

Celebramos o primeiro encontro na mañá do sábado 20 de febreiro, acollidos polo espazo de coworking DoutroXeito, en Santiago de Compostela. O obxectivo foi esencialmente coñecer as distintas liñas de traballo que estamos a desenvolver cada asistente, así como facer un achegamento inicial ás problemáticas comúns e ás primeiras iniciativas que puideran desenvolverse no futuro. Acordouse, así mesmo, compartir en aberto as principais ideas que se reuniron, que se publicarán en vindeiro post.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: