BAMAD GALICIA

Inicio » 2016 » Marzo (Páxina 2)

Monthly Archives: Marzo 2016

Advertisements

Comunicado de Bamad Galicia ante a investigación pola contratación do servizo de bibliotecas da Coruña

bibcor

DECLARACIÓN DE BAMAD GALICIA ANTE A NOTICIA DA INVESTIGACIÓN XUDICIAL SOBRE EXPEDIENTES QUE AFECTAN Á ADXUDICACIÓN DO SERVIZOS DAS BIBLIOTECAS PÚBLICAS DA CORUÑA

 

Bamad Galicia, Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, ante as noticias publicadas nos medios de comunicación sobre a investigación da empresa concesionaria do servizo das bibliotecas públicas municipais da Coruña que manifestar o seguinte:

  1. En primeiro lugar queremos respetar a presunción de inocencia sobre a empresa investigada e non interferir nas dilixencias policiais e xudiciais levadas a cabo. Desexamos que a investigación non afecte ao funcionamento con normalidade duns servizos públicos dos mellor valorados pola cidadanía e nos que a Rede de Bibliotecas municipais da Coruña son unha boa mostra de bo funcionamento dos servizos bibliotecarios.

  2. Avogamos, como Asociación Profesional, pola transparencia na xestión dos servizos públicos dos que as Bibliotecas son un exemplo como se recoñece nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel da ONU, recollidos na Axenda 2030 no que as bibliotecas deben asegurar o acceso á información.

  3. Desde Bamad Galicia apostamos por servizos públicos e de calidade e cremos que deben ser xestionados directamente polas administracións públicas.

  4. Cremos como Asociación que no caso de concesións administrativas de servizos públicos, neste caso das bibliotecas, debe asegurarse a limpeza e a transparencia nas contratacións con empresas privadas.

  1. Opinamos que no caso de concesións de servizos públicos a empresas, estas deben asegurar que se cumpran as condicións de calidade nos servizos e as condicións laborais do persoal contratado.

  2. Por último queremos manifestar o noso apoio ao persoal dos servizos das bibliotecas públicas da Coruña, que teñen demostrado ao longo do tempo unha grande profesionalidade, vontade e capacidade de prestar un servizo de calidade á cidadanía da Coruña.

Na Coruña a 10 de marzo de 2016

A Xunta Directiva de Bamad Galicia

Advertisements

Abrir os arquivos

abrir1

Poñendo en común e en dixital o noso patrimonio cultural

O sábado 20 de febreiro fomos convidados a participar na iniciativa Abrir os Arquivos, grupo de traballo informal que procura pór en común obxectivos e estratexias do mundo da cultura para o uso, reutilización e preservación dos contidos dixitais na internet.

Na reunión participamos unhas 20 persoas entre profesionais da documentación e creadores/recolectores de contidos audiovisuais. Entre os representantes profesionais encontrábanse: Daniel Buján da Biblioteca de Galicia, Gabriel Quiroga do Arquivo de Reino de Galicia, José María Cumbraos, Xefe de sección de Fondos audiovisuais do Arquivo da Deputación de Pontevedra, e en representación de Bamad o secretario.

Desde a parte profesional comentáronse as seguintes cuestións:

  • Clarificar conceptos: arquivos non é o mesmo que obxectos dixitais
  • Falar de boas prácticas: descrición documental, normalización, metadatos…
  • Pendente de aprobar o decreto do Depósito Legal de Galicia pendente de publicar, aplicando o decreto estatal para as publicacións electrónicas que procurará recoller as publicacións electrónicas galegas
  • Necesidade de utilizar protocolo OAI para que a información poda ser recolectada desde a Biblioteca de Galicia

Desde o sector da cultura e os proxectos representados botan en falta o apoio da administración e a falta de interese en conservar a súa documentación, que en moitos casos ofrecen gratuitamente á administración.

Habilitouse un espazo web http://abrirosarquivos.tumblr.com e unha lista de correo para seguir traballando como grupo informal achegando propostas, comentarios… Proponse utilizar a etiqueta #AbrirOsArquivos para aportar cuestións sobre o tema nas redes sociais.

No listado de entidades participantes pódense ver moitos proxectos interesantes que se están realizando.

 

O documento  incial co que se nos convidou a participar: Abrir os Arquivos

abrir2

Este é o resumo da xornada  do Grupo de Traballo.

Abrir os Arquivos:

Cada día xéranse milleiros de contidos dixitais arredor das prácticas culturais, ben sexan produtos finais (obras audiovisuais, sonoras e gráficas, páxinas web, publicacións editoriais, etc.) ou ben documentos de traballo intermedios (memorias de proxectos, entrevistas, sesións fotográficas, soportes publicitarios e carteis, entre moitos outros).

Cada ano moitos destes contidos desaparecen ou deixan de estar accesibles porque non se renova un aloxamento web, a tecnoloxía queda obsoleta (webs en flash, por exemplo) ou porque a conservación limítase só a copias persoais en dispositivos físicos como discos duros, memorias flash, CDs ou DVDs, os cales están xa comezando a deteriorarse e perderse, moito máis rápido incluso que outros soportes analóxicos como VHS ou casetes, por poñer algún exemplo.

Abrir os Arquivos nace como un grupo informal de traballo arredor da preocupación pola preservación, accesibilidade e utilización de contidos dixitais culturais, pensando especialmente nos arquivos visuais, sonoros e audiovisuais.

A iniciativa está impulsada inicialmente por María Yáñez (A Navalla Suiza, Embed) e Sergio Lago (BenCuriosa, Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural da USC), buscando un formato de participación aberta a todas aquelas persoas interesadas na temática e que traballen con arquivos, creación (gráfica, sonora ou audiovisual), comunicación dixital ou xestión de proxectos culturais sobre memoria e patrimonio inmaterial.

Celebramos o primeiro encontro na mañá do sábado 20 de febreiro, acollidos polo espazo de coworking DoutroXeito, en Santiago de Compostela. O obxectivo foi esencialmente coñecer as distintas liñas de traballo que estamos a desenvolver cada asistente, así como facer un achegamento inicial ás problemáticas comúns e ás primeiras iniciativas que puideran desenvolverse no futuro. Acordouse, así mesmo, compartir en aberto as principais ideas que se reuniron, que se publicarán en vindeiro post.

%d bloggers like this: