BAMAD GALICIA

Inicio » 2016 » Maio

Monthly Archives: Maio 2016

Día Internacional dos Museos, DIM 2016

Día Internacional dos Museos 2016, #DIM2016

Os Museos de todo o mundo celebran o DIM (Día Internacional do Museo) o 18 de maio.

O obxectivo do Día Internacional dos Museos é sensibilizar sobre o feito de que “Os museos son un medio importante para os intercambios culturais, o enriquecemento de culturas, o avance do entendemento mutuo, a cooperación e a paz entre os pobos”.

O tema da edición 2016, Museos e Paisaxes Culturais, pon de relevo a estreita relación dos museos coa paisaxe da que forman parte, así como o seu papel responsable na conservación e protección do patrimonio.

dia_internacional_museos16

Museos e Paisaxes Culturais presupón unha forma de responsabilidade dos museos con respecto á paisaxe da que fan parte, sendo protagonistas activos da súa xestión e bo mantemento. A misión principal dos museos é velar sobre o patrimonio, que esté dentro ou fora dos seus muros. A súa vocación natural é a de ampliar a súa misión e realizar as súas propias actividades no campo aberto do patrimonio cultural e da paisaxe do seu entorno.

O museo ten a misión de protexer e conservar o patrimonio ambiental, co fin de promover un desenvolvemento respectuoso das súas caracteres identitarias. Un museo responsable da paisaxe asume o seu rol de centro de interpretación do patrimonio e do territorio, promovendo o seu coñecemento e sensibilizando os seus habitantes nos seus valores constitutivos, solicitándolles a súa intervención para a súa conservación, promoción e enriquecemento.

A paisaxe, por natureza, está en constante evolución e non se podería fixar ou converter en museo. Protexelo e conservalo implica impedir que as súas transformacións teñan como consecuencia o aniquilamento, a desfiguración ou a degradación dos seus caracteres identitarios. Os museos poden implicarse de maneira importante na administración dun territorio que respecte os valores da paisaxe, aportando coñecementos sobre o territorio, o patrimonio e a paisaxe; grazas a actividades de protección, conservación, interpretación do patrimonio cultural realizados no interior e no exterior dos seus muros; vía participación activa nas políticas publicas e urbanas e na definición e posta en aplicación de políticas de paisaxe.

 

O evento pode seguirse no web, e nas redes sociais coa etiqueta #DIM2016 e nas redes de ICOM

 

O Día Internacional dos Museos en Galicia:

Os museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecen un amplo programa de actividades con concertos, actividades teatralizadas, exposicións e obradoiros dirixidos a todos os públicos.

Calendario completo de actividades dos Museos da Xunta

Programa de actividades da Rede de Museos da Deputación de Lugo

Museo do Pobo Galego

Día dos Museos na Cidade da Cultura

ddmuseos016_cabeweb

Advertisements

Filosofía nas Bibliotecas

A Fundación Euseino?, dentro do marco establecido nos artigos 6 e 7 dos seus Estatutos, nos que se fixan os fins e as actividades da Fundación, convoca un proceso de selección para a participación no Programa “Filosofía nas Bibliotecas” do ano 2016.

Este Programa ten como obxectivo fomentar e apoiar a organización de actividades e conferencias para a difusión do pensamento filosófico nas Bibliotecas Públicas galegas.

No ámbito da cultura e do pensamento é esencial, ademais da existencia dunha plataforma de publicación de obras, o fomento de actividades coas que difundir na sociedade galega as ideas expostas polos pensadores e pensadoras na súa obra para logo poder debater libremente sobre elas coa finalidade de consolidar un pensamento non dogmático.

A colaboración coas bibliotecas públicas tamén incentiva a realización de actividades complementarias ao Programa e posibilita a participación de destinatarios de diferentes sectores sociais, culturais e educativos.

Máis información, Bases para a participación e solicitude na web da Fundación Euseino?

Imos cazar un oso: obradoiro de mediación lectora para bibliotecarios no XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

A compañeira María José Villar Fernández da Biblioteca de Chapela-Redondela, foi a responsable da organización do Obradoiro de Mediación Lectora realizado no Salón do Libro de Pontevedra o pasado 16 de abril. Desde a Asociación queremos agradecer a súa iniciativa e o traballo de organización e coordinación levado a cabo para que esta actividade saise adiante con grande éxito. Queremos agradecer ás persoas que participaron no obradoiro que conseguiron que o curso tivera un bo suceso e á docente, Alexia Dotras, que creou un grande interese no obradoiro e provocou a demanda de máis actividades deste tipo que tentaremos cumprir en próximas edicións.

A seguir reproducimos o informe que María José fixo da actividade que agardamos sexa do voso interese.

salonlibro2016

 

Abril, coas súas efemérides do libro, é un mes de especial intensidade nas bibliotecas, e de particular motivación para os seus profesionais. Este ano BAMAD contribuiu a favorecer este estímulo para algún dos nosos colegas de profesión, grazas a unha actividade que levou a cabo no pasado sábado 16, dentro do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Este Salón pontevedrés vense celebrando anualmente dende 1999, acadando en cada edición un éxito maior de público e de participación de diferentes entidades. Xestores culturales, editores, animadores e contadores, profesores e centros de ensino, libreiros e, por suposto, bibliotecas, estamos convidados a visitalo, pero tamén a participar nel, xa que dende o Salón están abertos a aquelas propostas que contribúan a dinamizalo.

 

En BAMAD decidimos aproveitar a oportunidade para traballar un pouco máis a LIX dentro da nosa oferta formativa. Así xurdiu “Imos cazar un oso: obradoiro de mediación lectora”.

 

OBXECTIVOS

  • Proporcionar un maior coñecemento da literatura infantil e xuvenil, especialmente aos profesionais de bibliotecas públicas e escolares.
  • Amosar o Salón de Pontevedra como espazo de inspiración para os bibliotecarios que traballan no campo da LIX, e estimular ás persoas socias a visitalo.
  • Darlle protagonismo no Salón aos profesionais das bibliotecas, reivindicar o seu papel social de mediadores entre o libro e o lector.
  • Proporcionar, dentro do inmellorable marco do Salón do Libro, un lugar de encontro para bibliotecarios e persoal vinculado a estes centros.
  • Promover tamén as sinerxías entre os profesionais das bibliotecas e os axentes da promoción da lectura doutras institucións, como mestres e educadores.

 

CONTACTO CON SALÓN DO LIBRO DE PONTEVEDRA

Nun primeiro momento o Salón contactou con BAMAD, pois precisaba, de cara á preparación da edición deste ano, os servizos dun profesional bibliotecario. BAMAD deu a coñecer esta oferta entre as persoas socias, o que facilitou ao Salón dar co profesional axeitado, ao tempo que asesorou a esta entidade nalgúns aspectos sobre o traballo bibliotecario.

A partir deste primeiro contacto, e coñecendo a relevancia do certame pontevedrés, propúxoselle organizar algunha actividade enfocada aos profesionais de bibliotecas. Tíñamos como referencia a oferta formativa coa que contan profesores e pedagogos en cada unha das súas edicións, a través do CFR de Pontevedra, e pareceunos interesante poder establecer co persoal das bibliotecas unha liña de traballo similar.

Dende a organización estaban abertos a levar a cabo aquela proposta que lles presentaramos e tamén a asumir os seus custes, sempre coa condición de que fora BAMAD a que se ocupara da súa organización.

DSCF6131

 

O OBRADOIRO

Xa que estabamos dentro dun Salón enfocado na LIX, pareceunos moi oportuno ofrecer un obradoiro de carácter xeral, onde se trataran aspectos sobre dinamización lectora e ao tempo coñeceramos un pouco máis sobre literatura infantil e xuvenil.

Para facelo contactamos con varios profesionais, e recibimos varias propostas, das que finalmente foi seleccionada a de Alexia Dotras, profesora na Escola Superior de Educação de Bragança e cunha longa traxectoria como dinamizadora cultural e contacontos.

Aínda que o obradoiro estaba plantexado para persoal de bibliotecas, a inscrición era libre e gratuíta para calquera persoa interesada. En total asistiron 19 participantes de procedencia diversa, repartidas nun cincuenta por cento entre bibliotecarias ou persoal asociado co mundo das bibliotecas, dunha banda, e mestras e educadoras de diferentes ámbitos, noutra.

A actividade desenvolveuse cun carácter distendido, tratando de que as participantes –pois desta ocasión eran todas mulleres– se sentiran animadas, e que a experiencia resultase inspiradora, e lles motivase a aplicala posteriormente no seu traballo.

Na parte máis teórica, incidiuse en aspectos como a literatura oral, a oratoria, e o conto tradicional, para abordar despois a evolución do albun ilustrado nos anos 60 e 80, e rematar cun breve panorama sobre editoras actuais para o albun ilustrado. Na parte máis participativa, as asistentes tiveron a oportunidade de facer xogos de declamación e interpretación, e finalmente de achegarse aos contos e probar a contar algúns deles.

Para realizar a actividade contouse con 35 albuns infantís, emprestados polas Bibliotecas Municipais de Redondela, que colaboraban neste obradoiro, e outros tantos máis, raros e curiosos, procedentes de diferentes lugares do mundo, achegados por Alexia Dotras.

Ao rematar o obradoiro as asistentes puideron gozar dun percorrido por todas as instalación do Salón, guiado por unha das súas monitoras. A visita serviu para coñecer como traballa o Salón con cada un dos seus públicos (as escolas, as familias, os nenos e nenas de diferentes idades), e que estratexias segue para atraer visitantes. Tamén tiveron a oportunidade de coincidir con algún vellos coñecidos das bibliotecas, como Polo correo do vento, que acababan de rematar un obradoiro cos cativos, ou a Raquel Queizás, que se preparaba para unha actuación.

IMG_3615

 

En canto á experiencia das alumnas do obradoiro, e como resultado das enquisas que cumprimentaron ao rematar, temos que destacar a opinión unanimemente favorable, e que todas coincidiron no interese en realizar  unha segunda edición desta actividade. Ademáis, aportaron outras ideas para poder desenvolver en torno á LIX e á animación lectora, propostas coas que BAMAD podería traballar nun futuro co Salón do Libro.

 

Aproveitamos para agradecer desde aquí ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, especialmente na persoa da súa directora, Pilar Portela, pola súa xenerosa disposición para incorporar á nosa asociación na edición deste ano, e posibilitarnos facer o curso. Así mesmo, á formadora Alexia Dotras Bravo, por facer un obradoiro tan animado e inspirador; sen esquecer a todas as participantes deste curso, polo seu interese e por servirnos de estímulo para repetir en futuras edicións.

María José Villar Fernández

IMG_3613

%d bloggers like this: