BAMAD GALICIA

Inicio » 2017 » Abril

Monthly Archives: Abril 2017

Curso de Taxación de materiais Bibliográficos

Curso: Taxación de materiais bibliográficos

  • Impartido por:
    • Parte teórica: María Jesús Cruzado. Jefa de Sección de Valoración. BNE
    • Parte práctica: Elena Laguna del Cojo. Jefa del Servicio de Valoración e incremento del Patrimonio. BNE
  • Modalidade: Online
  • Datas: 2ª quincena de xuño
  • Prazas: 25
  • Horas: 20h.
  • Prezo: 70€ socios / 100€ non socios
  • Programa
  • Matrícula electrónica
Advertisements

Programa Internacional de Acción para o Desenvolvemento a través das Bibliotecas da IFLA

International Program Advocacy (IAP) da IFLA

Programa Internacional de Acción para o Desenvolvemento a través das Bibliotecas da IFLA

 

O día 28 de marzo celebrouse en Madrid un obradoiro organizado por FESABID, en colaboración coa Subdirección de Coordinación Bibliotecaria e a Subdirección General del Libro de la Comunidad de Madrid, para presentar o Programa Internacional de Acción para o Desenvolvemento a través das Bibliotecas IFLA (do que demos conta a comezos de 2016). Por Bamad Galicia asistiu Isabel Blanco, representando tamén as Bibliotecas Municipais da Coruña, e quen nos envía esta crónica.

Os obxectivos formulados para o obradoiro foron:

  • Dar a coñecer o Programa IFLA/IAP

  • Sensibilizar aos profesionais e as asociacións presentes da importancia de participar nel

  • Transmitir a idea de que a formación é unha necesidade en crecemento e a idea de que os presentes deberán asumir o liderado nas súas áreas territoriais

O obradoiro estructurouse en dúas partes:

A primeira parte consistiu nunha presentación da Presidenta de FESABID, e ademais Presidenta da IFLA, Gloria Pérez Salmerón, na que se trataron os seguintes temas:

 

Proceso da Axenda 2030 da ONU e o traballo de promoción e defensa da IFLA.

  • A IFLA conseguiu que o acceso á información fose recoñecido pola ONU como unha meta dentro do obxectivo 16 “Promover as sociedades pacíficas e incluíntes para o desenvolvemento sustentable, proporcionar acceso á xustiza para todos e construír institucións efectivas, responsables e incluíntes en todos os niveis”. Meta 16.10: “Asegurar o acceso público á información e protexer as liberdades fundamentais, de conformidade coas lexislacións nacionais e os acordos internacionais”. Tamén se incluíron a cultura (meta 11.4) e as Tics (metas 5b, 9c, 17.8) nos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento). Ademais, a alfabetización universal está recoñecida na visión da Axenda 2030.

  • IFLA/IAP (Advocacy International Program) é un Programa para apoiar as actividades que propugnen a inclusión das bibliotecas e do acceso á información como parte dos plans nacionais e rexionais de desenvolvemento os cais axudarán a cumprir a Axenda 2030 da ONU. Nace con tres obxectivos claros:

  1. Demostrar agora que as bibliotecas poden impulsar o progreso en toda a Axenda.

  2. Informar os líderes gobernamentais acerca da maneira en que as bibliotecas funcionan como socios rendibles para a consecución das prioridades do desenvolvemento. Por isto, é necesario emprender actividades de defensa e promoción para garantir o pleno recoñecemento do papel das bibliotecas como motores do desenvolvemento local, así como asegurar que reciban os recursos necesarios para continuar con ese labor.

  3. Demostrar a capacidade de mobilización que teñen as bibliotecas e os bibliotecarios para que a Fundación Bill e Melinda Gates acceda a transferir o crédito do seu Programa Global Libraries á IFLA para que o xestione.

 

Posta en marcha a nivel nacional da Axenda 2030

  • A Axenda 2030 levarase a cabo a través de Plans Nacionais de Desenvolvemento que ditarán a pauta das partidas orzamentarias e as prioridades dos programas dos gobernos.

  • En España, pola situación política de inestabilidade dos últimos tempos, aínda non se aprobou o Plan Nacional pero algunhas autonomías xa están a traballar na consecución dos ODS, ben a través da aprobación dos seus propios plans, ou ben a través da formación de Comisións.

 

Papel dos profesionais bibliotecarios nesta posta en marcha

  • Realizar accións de sensibilización e formación sobre as bibliotecas e a súa vinculación cos ODS da Axenda 2030.

  • Organizar reunións con responsables políticos para convencelos de que as bibliotecas son motores de desenvolvemento local.

  • Informar ás persoas usuarias sobre os obxectivos ODS.

  • Desenvolver programas e actividades que se enmarquen nos ODS.

  • Identificar os programas existentes na actualidade que se poden enmarcar nos ODS para que pasen a formar parte dunha base de datos da IFLA e poidan servir de modelo a outras bibliotecas.

 

A segunda parte consistiu nun taller práctico onde Alicia Selles e Anabel Fernández, enlaces entre a IFLA e FESABID e encargadas do Programa en España, introduciron o debate sobre os ODS e a súa aplicación nas Bibliotecas. Tamén se identificaron os programas existentes na actualidade que poden axudar a alcanzar os ODS. Finalmente traballouse no deseño dunha Estratexia Nacional de Bibliotecas e Información.

Dúas das persoas presentes, membros do Consello de Cooperación Bibliotecaria comprometéronse a transmitir ao Consello a necesidade de que este faga unha declaración pública de que as bibliotecas poden contribuír a alcanzar os ODS e para que solicite ao Ministerio de Asuntos Exteriores a incorporación das Bibliotecas no futuro Plan de Desenvolvemento e, por tanto, que estas sexan receptoras de parte do seu orzamento.

Acórdase que os profesionais presentes, directores de redes e bibliotecas innovadoras e referentes en España e representantes de asociacións profesionais, volvan reunirse en Pamplona, nas Xornadas de FESABID, para seguir traballando na Estratexia.

Más información en: https://www.ifla.org/libraries-development

https://www.ifla.org/files/assets/hq/topics/libraries-development/documents/ifla-poster-sdgs.pdf

Comunicado de Bamad Galicia ante o cesa de 4 directoras de Bibliotecas da Xunta de Galicia

DECLARACIÓN DE BAMAD GALICIA ANTE O CESE DE 4 DIRECTORAS DAS BIBLIOTECAS PÚBLICAS XESTIONADAS POLA XUNTA DE GALICIA

 

O Día do libro infantil celébrase o 2 de Abril en todo o mundo. Este ano, a celebración quedou ensombrecida pola decisión da Xunta de Galicia de cesar a 4 directoras das 6 bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia.

As directoras das Bibliotecas de Coruña, Lugo, Pontevedra e Santiago de Compostela foron sorprendidas o venres 30 de marzo coa noticia do seu cese. Noticia que se fixo pública con data do luns 3 de abril.

BAMAD Galicia lamenta esta decisión xa que supón apartar das súas responsabilidades a 4 profesionais das bibliotecas sen que se teña explicado nin motivado publicamente as razóns destes ceses.

En todo caso, desde BAMAD Galicia, traballamos para que as prazas das Direccións das Bibliotecas xestionadas pola Xunta de Galicia non se cubran mediante o sistema de libre designación, sistema que posibilita o nomeamento e o cese discrecional por parte da administración, senón mediante concurso, como se tiña realizado até 2013, ano no que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria decidiu cambiar o sistema de provisión prazas de dirección de arquivos, bibliotecas e museos.

Desde a Asociación seguiremos defendendo o sistema de concurso para o seu nomeamento porque é o que garante o acceso dos/das mellores profesionais e o exercicio da profesión con independencia.

Cremos que é unha decisión errada ter cesado estas persoas xusto cando as bibliotecas se encontran, nos meses de abril e maio, coas celebracións dunhas das datas máis relevantes para a dinamización das bibliotecas como son o Día Internacional do Libro infantil, o Día Internacional do Libro e o Día das Letras galegas. Ter cesado sen previsión de recambio a estas persoas deixa o funcionamento das bibliotecas baixo mínimos, impedindo que exerzan con normalidade as súas funcións.

 

Na Coruña a 4 de abril de 2017

A Xunta Directiva de Bamad Galicia

%d bloggers like this: