BAMAD GALICIA

Inicio » 2018 » Marzo

Monthly Archives: Marzo 2018

Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España 2017: lectura e bibliotecas en Galicia

Barómetro: Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España 2017, FGEE, 2018

En xaneiro foi presentado o barómetro de hábitos de lectura e compra de libros en España. Este barómetro non se realizaba desde o ano 2012 e presenta unha comparativa entre os anos anteriores e o actual da mostra.

Moito se publicou nestes dous meses pasados sobre este tema pero, polo que pudemos ler, non se publicou ningunha valoración (ou non a coñecemos) específica sobre o libro a lectura e as bibliotecas en Galicia.

Así que vamos tentar analizar brevemente algúns datos que nos interesa salientar do que atinxe á situación en Galicia.

En xeral nas comparativas anteriores melloran todos os índices consultados: increméntase o número de lectores e de lectura (excepto revistas, periódicos e banda deseñada), de uso e de persoas socias das bibliotecas, de compra de libros… Pero lendo máis polo miúdo podemos ver algunhas sombras nos datos do barómetro.

Lectores por lingua:

No barómetro non se desglosan os datos de lectura habitual por idioma inferiores ao 2% polo que non se recollen os datos de lectura habitual en galego. Si aparecen cando se pregunta se se le tamén noutra lingua (ademais da principal de lectura) na que se recolle que o 2% dos entrevistados le tamén en galego.

No último libro comprado só o 4,8% dos lectores galegos compraron un libro en galego, baixando un 0,1% con respecto á mostra do 2012.

No caso dos lectores infantís si se recolle que o 1,4% dos menores de 6 anos len en galego e o 2% dos que teñen entre 6 e 9 anos. Mentras que o dato de lectura en galego volve a desaparecer entre os maiores de 14 anos.

Non podemos achacar a escolla da lingua de lectura preferente ás bibliotecas. Evidentemente neste tema deberíamos tomar en conta a política linguística do goberno, o sistema educativo coa “elección” do sistema educativo trilingüe, e a debilidade da industria editorial galega. Pero non podemos desbotar que as bibliotecas tamén teñen culpa nesta situación e que deben contribuír ao fomento da nosa lingua e cultura.

Compra de libros e lingua:

A compra de libros aumenta en todo o estado. Galicia está un pouco por riba da media de compra en canto á media de libros non de texto adquiridos. Sen embargo, se observamos o número de libros por lingua vemos que o libro en galego baixou con respecto aos anos anteriores, mesmo os anos da crise nos que se compraron máis libros na nosa lingua. O 4,8% do libro comprado é en galego (0,1% menos que no 2012).

Busca de información:

Busca de información sobre a lectura en menores:

O barómetro recolle os hábitos de busca e información sobre lecturas para nenas e nenos. O 33% dos pais e nais buscan información sobre lecturas recomendables para menores de 9 anos. Nesta pregunta específica non aparecen recollidas as bibliotecas. Tanto se a opción biblioteca non foi incluida no cuestionario como se ninguén respondeu a biblioteca como fonte de información, é preocupante porque quere dicir que a incidencia social que desde a bibliotecas temos cos pais e as nais sería moi pequeno.

Busca de información en toda a mostra:

As bibliotecas só supoñen o 2,5% das opcións de busca de información sobre libros na sociedade. Algo falla ao dispormos de grandes catálogos con moitas referencias e títulos cando non somos capaces de aparecer en posición máis destacada.

Tempo libre e lugares de lectura:

Os lectores no seu tempo libre aumentan en xeral en toda España. En Galicia, malia aumentar con respecto aos anos anteriores, sigue por debaixo da media de lectores do estado.O incremento desde o 2012 no estado foi de 3,1% mentras que en Galicia aumento máis do dobre un 7,1%. De manterse ese incremento en anos posteriores poderíase superar a media de lectores no tempo libre con respecto á media do estado.

As bibliotecas non ocupan un papel importante na lectura no tempo libre (3,9%): o grupo máis alto de lectores no tempo libre nas bibliotecas é no grupo de idade dos 15 aos 18 anos co 7,9%, descendendo desde ese momento ao 3,6%

O último libro lido só foi aportado pola biblioteca nun 8% baixando con respecto ao 2012 no que representaba o 9,5%. Os usuarios buscan os libros na biblioteca case na última posición, só despois da compra, os regalos, o préstamo persoal e a descarga de internet. Non temos todo o que demandan nin nos prazos que aos usuarios lles gustaría…

Valoración e uso das bibliotecas:

No valoración das bibliotecas, que fan as persoas entrevistadas de máis de 14 anos, Galicia é valorada cun 7,9, a mesma valoración que se daba en 2012, por debaixo da media española dun 8,2 e ocupando o terceiro posta polo final das valoracións das bibliotecas.

Segundo a enquisa un 36,8% da poboación maior de 14 anos é socia de algunha biblioteca e o 31,9% utiliza as bibliotecas. Baixada importante con respecto ao 2012 é o das pessoas que usaron frecuentemente as bibliotecas pasando do 35 ao 28,3%

Moitas das causas que as persoas entrevistadas alegan para non utilizar as bibliotecas están cuestións persoais como a falta de tempo, falta de interese ou costume ou conseguir os libros por outros medios. Sen embargo hai unha serie de causas, que representan o 7,5% das causas alegadas que son responsabilidade das bibliotecas e das administracións que as manteñen. Estas son:

  • non existen bibliotecas
  • non encontra libros que lle interese
  • non coñece ningunha ou non sabe onde está
  • o horario non é adecuado
  • non ten bo servizo ou malas instalacións

Como observamos nos datos tirados do barómetro quédanos moito que mellorar para facer das bibliotecas un servizo útil e necesario para a cidadanía.

Xoán Manuel Pérez Lijó

Bibliotecario

Advertisements

Obradoiro de mediación lectora en bibliotecas 2018

Obradoiro de mediación lectora para persoal de bibliotecas

O Salón do Libro de Pontevedra realiza este ano o I Congreso Internacional de Mediación Lectora entre o 19 e 21 de abril, cun amplo programa de actividades.

Dentro das actividades do congreso ofrécese unha actividade específica de animación nas bibliotecas impartido por Soledad Felloza o sábado 21 de abril.

  • Obradoiro integrado, como formación específica para persoal de bibliotecas, no I Congreso Internacional de Mediación Lectora: Mulleres de Conto que se celebra dentro do Salón do Libro de Pontevedra do 19 ao 21 de Abril.
  • Modalidade: Presencial (Salón do Libro de Pontevedra)
  • Datas: 21 Abril
  • Prazas: 20
  • Horas: 4h.
  • Prezo: gratuíto (prioridade membros de Bamad até o 2 de abril)
  • Obxectivos: Coñecer actividades de dinamización lectora aplicables ás bibliotecas. Coñecer ferramentas de dinamización á lectura. Coñecer métodos e dinámicas de dinamización á lectura.
  • Programa
  • Matrícula electrónica

Programa do Congreso:

Programa do Obradoiro:

Día Internacional da Muller, 2018

O Día Internacional da Muller conmemora a loita das mulleres pola súa participación en igualdade na sociedade. Segundo a ONU o 8 de marzo de 2018 é o momento para reflexionar sobre os avances logrados, pedir máis cambios e celebrar a valentía e a determinación das mulleres de a pé que xogaron un papel clave na historia do seus países e comunidades.

Por iso desde BAMAD-Galicia celebramos neste día a determinación de arquiveiras e bibliotecarias que están a traballar ou a intentan traballar, as de agora e as de antes; pero tamén neste día reivindicamos: precisamos cambios.

Reivindicamos porque sabemos que as condicións laborais dos sectores tradicionalmente femininos e masculinos son moi distintas; sabemos que os sectores ocupados por varóns gozan dun maior recoñecemento, maior prestixio social e maiores salarios, e por iso hoxe é o día de seguir a traballar para que as nosas condicións de traballo sexan máis xustas e equitativas, e así traballaremos:

  • para que os nosos traballos teñan o recoñecemento que merecen e que iso se reflicta en remuneracións xustas para todas
  • para que non se contraten arquiveiras e bibliotecarias en categorías inferiores ás que lles corresponden
  • para que nas administracións as nosas retribucións sexan equivalentes a outros corpos e escalas

Feliz día , celebremos e reivindiquemos

%d bloggers like this: