BAMAD GALICIA

Inicio » 2019 » Febreiro

Monthly Archives: Febreiro 2019

Advertisements

Memoria Actividades Bamad Galicia 2018

Presentación da Memoria de actividades 2018 de Bamad Galicia

; Preme na imaxe para acceder ao contido completo da Memoria de actividades

 

Memoria anual de actividades da Asociación de profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, Bamad Galicia, correspondente ao ano 2018.

Como en anos anteriores, os eixos de traballo foron: a defensa das nosas profesións, a realización de actividades formativas e o contacto coas persoas asociadas. En 2018 avanzamos na presenza social aumentando o número de seguidores nas redes sociais cunha pequena caída con respecto ao ano anterior no número de lectores e seguidores do blogue. Temos que sinalar a escasa presenza nos medios de comunicación en forma de entrevistas ou difusión de comunicados.

Ante a defensa das nosas profesións foi un ano moi intenso de seguimento de actuacións de algunhas administracións, principalmente a local. Mantivemos reunións con representantes da administración da Xunta e da Deputación da Coruña. Participamos activamente dos Consellos de Cooperación Bibliotecaria e Asesor do Libro e da Lectura, e do Grupo de Traballo de Institucións da Memoria creado pola Xunta de Galicia para desenvolver a Estratexia Galega da Cultura 2021. Dirixímonos a varios concellos e á Deputación de Pontevedra reclamando actuacións ante as convocatorias de prazas de persoal de arquivos e bibliotecas. Temos que sinalar que un concello se dirixiu a nós pedíndonos asesoramento ante a convocatoria de prazas o que indica que as nosas reclamacións acaban dando frutos. Da mesma maneira, foi importante a relación coa Deputación da Coruña ante proposta de actuacións que queren realizar en arquivos e bibliotecas da provincia e que esperamos ver realizadas en 2019.

Neste mesmo tema, participamos activamente do Grupo de traballo de Defensa da Profesión de Fesabid cuxo informe se debería publicar neste ano que entramos, dando continuidade ao grupo de traballo e ás actuación propostas.

Incrementamos a difusión de ofertas laborais o que quere dicir que nestes últimos anos existe unha maior demanda das nosas especialidades e, ao mesmo tempo, a nosa presenza social incidiu en que varias empresas realizaran ofertas de emprego directamente a través de Bamad para difundir entre as persoas socias. O remate das limitacións á contratación de persoal nas administracións leva a que se estexan realizando moitas ofertas de emprego que implicarán convocatorias de postos de traballo nos próximos anos.

De novo as persoas asociadas a Bamad poden desgravar ante facenda na declaración do IRPF de 2018 a cota da asociación. O mantemento da declaración da utilidade pública da asociación implica un maior traballo administrativo para poder facer frente á documentación que se require anualmente.

En 2018 realizamos cinco actividades formativas. Ofertamos tres actividades gratuítas, dúas para todas as persoas interesadas (grazas á colaboración, por terceiro ano, co Salón do Libro de Pontevedra e a Fesabid), outra para persoas socias; unha actividade pendente de subvención da CAA, e unha última, coa Fegamp, dirixida a persoal dos concellos.  Temos que sinalar a actividade realizada en colaboración con Fesabid, as Xornadas IAP/IFLA sobre os obxectivos de desenvolvemento sustentable 2030 da ONU, que contou co apoio da Rede de Bibliotecas Municipais e do Concello da Coruña. Actividade na que participou un numeroso grupo de profesionais e no que contamos coa colaboración do Servizo de Bibliotecas e a participación do persoal das bibliotecas públicas da Xunta de Galicia. En conxunto houbo actividades que sairon moi ben en canto ao número de participantes e outras que foron deficitarias en número de alumando e ingresos por matrícula pero que decidimos manter co apoio das cuotas das persoas sócias.

O Servizo de Bibliotecas organizou as I Xornadas de Bibliotecas públicas de Galicia: as bibliotecas en proceso de cambio e o I Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, na primeira actividade colaboramos difundindo a actividade e no premio fomos convidados a participar no xurado do mesmo.

Relacionámonos coas persoas asociadas a través do correo electrónico, as redes sociais e o blogue. Intentamos que a transparencia sexa un dos nosos eixos principais de traballo e informar puntualmente de todas as actuacións da Asociación realizadas desde a Directiva. Mantemos comunicación puntualmente con persoas non socias a través de lista de información xeral. Pero esta liña estase utilizando cada vez menos ante a difusión nas redes sociais. Mantemos en exclusividade a información de ofertas de emprego só para persoas socias.

A nosa imaxe e comunicación cara ao exterior mantivémola a través do blogue, de facebook e twitter. Aumentou con respecto a 2017 o número de artigos publicados a través do blogue que sen embargo non é o lugar onde máis xente nos sigue, ao contrario do seguimento nas redes sociais que continúa a aumentar. A páxina de Facebook, crece pouco a pouco en seguidores e no Twitter temos moita presenza malia que non ofrecemos un traballo de difusión continuo nas redes.

Neste ano descendeu o número de persoas asociadas, houbo cinco baixas máis que altas o que leva a que o número de persoas socias se manteña desde hai anos nunha media de 165 persoas socias (161 en 2018). Sabemos que son tempos difíciles, que costa implicarse, asociarse e participar, pero entendemos que é necesario, polo que seguimos traballando para contar con máis persoas asociadas e máis persoas implicadas na vida da asociación.

A Xunta Directiva

Febreiro 2019

Advertisements

Curso de Xestión de Fondos e Coleccións de Fotografía (2ª ed.)

Curso: Xestión de Fondos e Coleccións de Fotografía (2ª ed.)

  • Impartido por David Iglésias Franch. Xefe de Sección de Documentación Fotográfica e Audiovisual. Centre de Recerca i Difusió de la Imatge, Ajuntament de Girona
  • Modalidade: Online
  • Datas: 4 a 24 de marzo
  • Prazas: 30
  • Horas: 20h.
  • Prezo: socios gratis  / non socios 50€
  • Programa
  • Matrícula electrónica

Coñece a nova directiva de Bamad Galicia 2019-2023

Directiva de Bamad Galicia 2019-2023

 

O pasado 15 de febreiro celebramos Asemblea extraordinaria da Asociación na que se escolleu nova directiva para os próximos 4 anos.

Para a nova Directiva mostraron a súa disposición a continuar varios dos membros da directiva anterior, así como dúas persoas decidiron non continuar nos seus cargos na Xunta Directiva.

Cesan no seu cargo na directiva os vogais de bibliotecas e centros de documentación, respectivamente Anxo Alberte Gil e Julio Pesquero Murillo. Desde a Asemblea agradécese o seu traballo a prol da Asociación nos últimos anos e indícase que se continúa a contar coa súa colaboración para aquelo no que desexen participar.

Os demais membros da Directiva saínte mostran a súa disponibilidade para continuar formando parte da Xunta Directiva poñendo o seu cargo a disposición da Asemblea. Estas persoas son: Olimpia López Rodríguez, Dolores Pereira Oliveira, Isabel Buján Bernárdez, Tomás Fernández Fuertes e Xoán Manuel Pérez Lijó. Ademais propóñense novas persoas para formar parte da Directiva: Carmen Rial Quintela, Eva García Rivera e Eugenio Gómez Barreiro.

Na Asemblea decídese por unanimidade que todas as persoas candidatas, 8 en total, formen parte da Xunta Directiva, decidíndose na propia Asemblea o cargo que ocupará cada membro e, unha vez sometido a deliberación das persoas presentes na Asemblea, decídese por unanimidade que os cargos da nova Xunta Directiva sexan:

Presidencia: Olimpia López Rodríguez, Xefa da Sección do Arquivo Xeral da Xunta de Galicia en Lugo.

Tesouraría: Isabel Buján Bernárdez, Arquiveira-bibliotecaria Concello de Culleredo

Secretaría: Xoán Manuel Pérez Lijó, Axudante de Bibliotecas no Concello de Ames

Vogais:

1) Dolores Pereira Oliveira, Directora do Arquivo Histórico Provincial de Lugo

2) Tomás Fernández Fuertes, Técnico de Museos no Museo de Belas Artes da Coruña

3) Carmen Rial Quintela, Arquiveira no Arquivo Militar de Ferrol

4) Eva García Rivera, Bibliotecaria do Arquivo Histórico Provincial de Lugo

5) Eugenio Gómez Barreiro, Técnico de bibliotecas no Servizo do Sistema de Bibliotecas da Xunta de Galicia

%d bloggers like this: