BAMAD GALICIA

Inicio » Search results for 'estatísticas'

Resultados da procura de: estatísticas

Acadamos as 50.000 visitas na web de Bamad Galicia

Un pouco de historia:

En 2002 creouse unha páxina web co nome de anabadgalicia.org. Este dominio mantívose até o 2007 en que, ante os cambios de directiva e a dificultade de recuperar o dominio .org, creouse un novo dominio anabadgalicia.net. Este dominio mántívose até o cambio de denominación, Bamad Galicia, en 2014.

O dominio org remitía a unha páxina estática con información breve sobre a asociación.

En 2007, para resolver a dificultade de manter e publicar nunha páxina web estática, creouse o blogue http://agabad.blogsome.com/ creado para Anabad Galicia e mantido polas compañeiras Catuxa Seoane, Rebeca Núñez, Lara Rey, e polo compañeiro, Julio Pesquero, no servidor Blogsome. O sitio web mantívose activo até que en 2011 Blogsome desapareceu da noite para a mañá sen aviso previo e sen posibilidade de exportar ou recuperar a infomación que tíñamos alí publicada.

2011-2014

En xuño de 2011, despois da desaparición de Blogsome tivemos que saír do paso creando un novo blogue para Anabad Galicia, esta vez nun servidor máis seguro, xa que utilizamos WordPress como sistema de publicación de noticias.

2014-actualidade:

En setembro de 2014 cambiamos de denominación a Bamad Galicia e creamos o dominio bamad.gal, En decembro dese ano comezamos a publicar un novo blogue tamén en wordpress, o vixente na actualidade, que agora está a punto de cumprir 5 anos e que chega á cifra de 50.000 visitantes.

Neste sitio importamos toda a información que existía no anterior de Anabad Galicia, polo que se pode recuperar e consultar todo o publicado desde xuño de 2011 até a actualidade. Trátase de máis de 200 post con artigos de opinión, datos, estatísticas, notas de prensa, informes, actividades de formación…

En 2018 desapareceu definitivamente o dominio anabadgalicia.net. O blogue de Anabad Galicia sigue existindo pero xa non se actualiza. O último post remite ás novas ferramentas: blogue, facebook e twitter para que as persoas que o visitan podan chegar a Bamad. Até o 2018 o blogue aínda tinha moitas visitas que pouco a pouco deixan de chegar e de remitir ao novo blogue a medida que a marca Bamad Galicia se foi consolidando.

É neste novo blogue www.bamad.gal no que chegamos ás 50.000 visitas.

O ano de máis visitas foi 2014 (en Anabad Galicia) con 13.171 visitas, no de Bamad Galicia, o ano de máis visitas foi 2017 con 11.878 visitantes. Esta baixada é unha tendencia global de caída nas visitas ás webs e aos blogues ao ir desviándose máis o tráfico ás redes sociais. Aínda así consideramos, que ademais de estar nas redes sociais, é necesario manter un sitio propio onde podamos publicar e manter a nosa información.

Ademais do noso blogue: www.bamad.gal tamén se poden seguir as noticias de interese para a profesión que publicamos nas nosas redes sociais en Twitter e Facebook.

Grazas por acompañarnos durante estes anos!

Valoración Estatísticas das Bibliotecas públicas de Galicia 2017

En 2017 contamos con 78 bibliotecas pechadas ou concellos sen bibliotecas. O 32% da poboación usa os servizos bibliotecarios e destinamos 8,56€ por habitante ás bibliotecas, 1,54€ menos que no conxunto do estado (10,10€).

Isto é o que podemos tirar dos datos das últimas estatísticas de bibliotecas, correspondentes ao ano 2017, publicadas polo Ministerio de Cultura.

Con respecto aos indicadores analizados estamos por debaixo da media estatal en todos agás no número de documentos por habitante. Os datos non son bos con respeto aos do conxunto do Estado. E, con respecto ás estatísticas de 2016, só melloramos nos indicadores de índice de rotación da colección, no número de préstamos por habitante, e no gasto en colección por habitante.

As análises feitas en anos anteriores, e que indican a nosa opinión ao respecto, poden verse nestes artigos publicados na nosa web

 

Aspectos positivos:

Como en anos anteriores recoñecemos que a administración autonómica está realizando labores que contribúen a mellorar estes datos e que, sen o seu apoio os datos serían aínda peores. Lembramos como aspectos positivos as axudas ás adquisición de fondos bibliográficos: tanto para a mellora da colección como para o fomento do libro galego e o incremento de fondos en fomato dixital de acceso a través do portal Galicia Le que incorpora tamén materiais audiovisuais. É positivo o apoio á realización de actividades de animación á lectura (Ler Conta Moito). Tamén a mostra de interese na mellora das ferramentas de xestión coa implementación de Koha como software de xestión bibliotecaria que xa ten integrado na Rede a práctica totalidade das bibliotecas públicas.

Para a mellora da Rede de bibliotecas a Xunta publicou varias ferramentas de planificación: o Mapa e os Indicadores de bibliotecas. Agora é necesario unha revisión e adaptación dos indicadores e establecer políticas que fagan que se cumpran.

 

Aspectos negativos:

Temos que sinalar o mesmo que destacamos en anos anteriores e que, por desgraza, non vemos mellorar como a redución das partidas orzamentarias e a falta de control das políticas e accións levadas a cabo desde os concellos nos que nos encontramos con casuísticas, por desgraza bastantes habituais, de contratacións de persoal non especializado e/ou compartindo praza con outros postos que nada teñen a ver coa xestión da información e documentación. Bibliotecas municipais con partidas tamén escasas ou inexistentes. Locais que non cumpren os parámetros do que debería ser unha biblioteca pública… É importante que se desenvolvan e apliquen as ferramentas de planificación que indiquen que servizos e de que características se deben ofrecer. E, aínda que non somos partidarios de medidas coercitivas, cremos que, desde a Xunta de Galicia, respetando a potestade organizativa dos concellos, se debe supervisar a correcta xestión dos servizos bibliotecarios municipais e, desde logo, non se debe premiar aqueles concellos que non cumpran coa obriga de prestar servizos de calidade.

Por outro lado, a dispersión e a perda de poboación, non permiten que concellos pequenos poidan prestar servizos de calidade. É necesario regulamentar a cooperación entre as administracións, como se recolle no espírito da Lei de Bibliotecas. Hai que prestar servizos nos que colaboren os Concellos, as Deputacións e a Xunta e hai que procurar dotar de servizos bibliotecarios a toda a cidadanía, mesmo á que non ten servizos nos seus concellos, mediante servizos de préstamo e lectura electrónica, mediante servizos móbiles… ou outros servizos que poidan facilitar a difusión e uso dos recursos bibliográficos.

 

Resumo estatístico de Galicia 2017:

 

Datos Xerais: contamos con 249 bibliotecas públicas (1 menos que en 2016) que prestan os seus servizos en 336 puntos de atención bibliotecaria (10 menos que en 2016). 78 concellos en Galicia non dispoñen de ningún servizo bibliotecario.

No número de documentos por habitante estamos por encima da media. Contamos con 2,15 doc/hab, mentras que no estado a media é de 1,91. Dato que non necesariamente ten que ser bo xa que necesita dunha Avaliación da colección.

No número de documentos adquiridos por habitante estamos bastante por baixo da media. En Galicia no 2017 adquiríronse 67,37 doc/hab., mentras que no estado a media foi de 77,50. (71,43 e 72,66 respectivamente en 2016). Descenso en Galicia e aumento no conxunto do estado. Unha diferenza de máis de 10 puntos nas adquisicións afastándonos con moito da media estatal.

No número de visitas á biblioteca por habitantes contamos con 1,75, mentras a media do estado foi de 2,25. (1,81 e 2,30 en 2016). Baixada importante con respecto aos anos anteriores, inflúen factores de perda de poboación, avellentamento, dispersión… A baixada tamén se reflicte no Barómetro: Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España 2017, FGEE, 2018

Só o 32,38% dos habitantes de Galicia está inscrito nalgunha biblioteca pública, mentras no estado a media é de 36. (33,85 e 36,99 en 2016) Increméntase a diferenza con respecto ao estado, pero no caso galego xustifícase, de momento, polo cambio de programa de xestión bibliotecaria que leva a eliminar usuarios duplicados nas bibliotecas, o que aínda terá influencia nos datos estatísticos dos seguintes anos até se estabilizar o cambio.

Prestamos menos documentos por habitante que a media do estado: Galicia presta 0,82 mentras que no estado se prestou 1 doc/hab. (0,80 e 1,06 en 2016). Ten que ver co indicado no primeiro punto de que se debe avaliar a colección para ver a súa pertinencia frente á demanda dos usuarios. Por outro lado están factores xa indicados como dispersión da poboación, concellos sen servizos bibliotecarios… Aínda así en 2017 prestáronse máis documentos que en 2016 que xunto coa baixada dos préstamos no estado fai qeu nos vaiamos achegando, aínda con moita distancia, á media estatal.

As actividades realizadas nas bibliotecas galegas por cada 1.000 habitante son tamén menores que as do estado: 2,53 frente a 5,16 act/1.000 hab. (2,40 e 4,84 en 2016). Incrementouse con respecto ao 2016, pero ao incrementarse tamén no estado fai que a diferenza con respecto á media estatal sexa moito maior afastándonos da media.

Nos gastos correntes destinados ás bibliotecas públicas en Galicia destinouse 8,56€/hab, mentras que no estado o gasto foi de 10,10€. (8,66 e 9,94 en 2016). Diminúe en Galicia e aumenta no estado polo que se incrementa negativamente a diferenza coa media estatal. Nos factores podemos indicar que aínda non se recuperaron para as bibliotecas os orzamentos dos anos previos á crise tanto a nivel autonómico como na administración local.

En Galicia contamos cun bibliotecario por cada 4.819 habitantes, mentras que no estado teñen 1 por cada 4.308 habitantes. (4.638 e 4.364 en 2016). Non temos constancia da baixada no número de persoal bibliotecario. Sen embargo estes datos indican que contamos con menor número de persoal para atender a unha poboación que por outro lado tamén se reduciu de maneira importante polo que, co mesmo persoal, deberíamos poder atender a un menor número de habitantes. En persoal equivalente a tempo completo (ETC) tivemos 584 traballadores en 2016 e 561 en 2017. 23 persoas menos que inciden nun incremento da poboación atendida. Isto parece debido á inestabilidade laboral: contratos a tempo parcial e de curta duración, bolseiros… De novo volvemos plantexarnos, como nas reflexións do inicio, o papel dos concellos na xestión das bibliotecas municipais ás que destinan pequenas partidas orzamentarias e pouco persoal. Tamén é necesario analizar o papel das Deputacións que non colaboran no desenvolvemento das bibliotecas e das políticas bibliotecarias das súas provincias.

 

Comparativa 2016-2017:

(Premendo na imaxe poden verse os datos comparativos do 2016 e 2017 coa media galega e por provincias)

Na Coruña a 19 de agosto de 2019

Xunta Directiva de Bamad Galicia

Valoración Estatísticas das Bibliotecas públicas de Galicia 2016

Galicia conta con 80 concellos sen bibliotecas. Só o 33% da poboación usa os servizos bibliotecarios e destinamos 8,66€ por habitante ás bibliotecas, 1,28€ menos que no conxunto do estado.

Isto é o que podemos tirar dos datos das últimas estatísticas de bibliotecas, correspondentes ao ano 2016, publicadas polo Ministerio de Cultura.

 

Non podemos alegrarnos destes datos xa que non nos deixan quedar en moi bo lugar con respecto á media das bibliotecas públicas do estado. Aínda que se mellora nalgúns aspectos con respeto ao 2015, na maioría dos indicadores contemplados quedamos por baixo da media estatal.

Queremos lembrar que desde Bamad Galicia levamos anos incidindo en que os recortes nos orzamentos dos anos da crise deixaron uns servizos moi deteriorados que vai costar moito tempo recuperar. Como analizamos neste artigo (Orzamentos bibliotecas 2018) con respecto ao 2012 a baixada foi de mais do 50% nos orzamentos autonómicos aos que hai que sumar os recortes nos orzamentos municipais.

 

Aspectos positivos: como en anos anteriores recoñecemos que a administración autonómica está realizando labores que contribúen a mellorar estes datos e que, a pesar dos recortes, sen o seu apoio os datos serían aínda piores. Lembramos como aspectos positivos as axudas ás adquisición de fondos bibliográficos: tanto para a mellora da colección como para o fomento do libro galego e o incremento de fondos en fomato dixital de acceso a través do portal Galicia Le e que acaba de incorporar materiais audiovisuais ademais de novos libros. É positivo o apoio á realización de actividades de animación á lectura (Ler Conta Moito). Tamén a mostra de interese na mellora das ferramentas de xestión coa implementación de Koha como software de xestión bibliotecaria que xa teñen integrado na Rede máis de 70 bibliotecas e que continuarán nunha seguinte fase con novas incorporacións. Por último hai que salientar a creación e posta en práctica de ferramentas de planificación como o Mapa e os indicadores de bibliotecas. O Mapa encóntrase en fase de revisión e actualización. Agora estamos á espera de que se comecen a aplicar os indicadores na maioría das bibliotecas públicas.

 

Os datos non son bos con respeto aos do conxunto do Estado. Sen embargo temos que recoñecer que nalgúns aspectos melloraron con respecto aos do 2015 e esperamos que o esforzo realizado pola administración autonómica se vaia notando aínda máis nun futuro próximo para nos levar a situarnos por encima das medias estatais.

 

Aspectos negativos: destaca o xa sinalado da redución das partidas orzamentarias. Tamén hai que salientar a falta de control das políticas e accións levadas a cabo desde os concellos nos que nos encontramos con casuísticas, por desgraza bastantes habituais, de contratacións de persoal non especializado e/ou compartindo praza con outros postos que nada teñen a ver coa xestión da información e documentación. Bibliotecas municipais con partidas tamén escasas ou inexistentes. Locais que non cumpren os parámetros do que debería ser unha biblioteca pública… É importante que se desenvolvan e apliquen as ferramentas de planificación que indiquen que servizos e de que características se deben ofrecer. E, aínda que non somos partidarios de medidas coercitivas, cremos que, desde a Xunta de Galicia, respetando a potestade organizativa dos concellos, se debe supervisar a correcta xestión dos servizos bibliotecarios municipais e, desde logo, non se debe premiar aqueles concellos que non cumpran coa obriga de prestar servizos de calidade.

 

Por outro lado, a dispersión e a perda de poboación, non permiten que concellos pequenos poidan prestar servizos de calidade. É necesario regulamentar a cooperación entre as administracións, como se recolle no espírito da Lei de Bibliotecas. Hai que prestar servizos nos que colaboren os Concellos, as Deputacións e a Xunta e hai que procurar dotar de servizos bibliotecarios a toda a cidadanía, mesmo á que non ten servizos nos seus concellos, mediante servizos de préstamo e lectura electrónica, mediante servizos móbiles… ou outros servizos que poidan facilitar a difusión e uso dos recursos bibliográficos.

Resumo estatístico de Galicia:

 

 

Datos Xerais: contamos con 250 bibliotecas públicas que prestan os seus servizos en 346 puntos de atención bibliotecaria. Hai 80 concellos en Galicia que non dispoñen de ningún servizo bibliotecario. No ano 2016 deuse de baixa 1 punto de servizo.

No número de documentos por habitante estamos por riba da media. Contamos con 2,14 doc/hab, mentras que no estado a media é de 1,88. (2,10 e 1,84 no 2015). Dato que non necesariamente ten que ser bo xa que necesita dunha Avaliación da colección.

No número de documentos adquiridos por habitante estamos perto da media, aínda que por baixo dela. En Galicia no 2016 adquiríronse 71,42 doc/hab, mentras que no estado a media foi de 72,77. (72,04 e 75,36 no 2015). Descenso tanto en Galicia como no estado o que nos leva a achegarnos perto da media de documentos adquiridos con respecto ao 2015.

No número de visitas á biblioteca por habitantes contamos con 1,81, mentras a media do estado foi de 2,30. (1,99 e 2,35 en 2015). Baixada importante con respecto ao 2015, inflúen factores de perda de poboación, avellentamento, dispersión… A baixada tamén se reflicte no Barómetro: Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España 2017, FGEE, 2018

Só o 33% dos habitantes de Galicia está inscrito nalgunha biblioteca pública, mentras no estado a media é de 37. (31 e 36 no 2015) Increméntase en 2 puntos mentres no estado só sobe un polo que nos vamos achegando á media.

Prestamos menos documentos por habitante que a media do estado: Galicia presta 0,80 mentras que no estado se prestaron 1,06 doc/hab. (0,84 e 1,11 en 2015). Ten que ver co indicado no primeiro punto de que se debe Avaliar a colección para ver a súa pertinencia frente á demanda dos usuarios. Por outro lado están factores xa indicados como dispersión da poboación, concellos sen servizos bibliotecarios…

As actividades realizadas nas bibliotecas galegas por cada 1.000 habitante son tamén menores que as do estado: 2,40 frente a 4,84 act/1.000 hab. (4,21 e 4,63 en 2015). Descoñecemos as causas que inciden nesta baixada xa que no 2015 o número de actividades foi moito  maior e próxima da media do estado. Non sabemos se houbo algún cambio na recollida de datos ou é o efecto da crise económica que levou a reducir o número de actividades.

Nos gastos correntes destinados ás bibliotecas públicas en Galicia destinouse 8,66€/hab, mentras que no estado o gasto foi de 9,94€. (8,54 e 9,45 en 2015). Malia o incremento con respecto ao 2015 seguimos por baixo da media. Nos factores podemos indicar que aínda non se recuperaron para as bibliotecas os orzamentos dos anos previos á crise tanto a nivel autonómico como na administración local.

En Galicia contamos cun bibliotecario por cada 4.638 habitantes, mentras que no estado teñen 1 por cada 4.362 habitantes. (4.383 e 4.365 en 2015). Non temos constancia da baixada no número de persoal bibliotecario. Sen embargo estes datos indican que contamos con menor número de persoal para atender a unha poboación que por outro lado tamén se reduciu de maneira importante polo que co mesmo persoal deberíamos poder atender a menor número de habitantes. En persoal equivalente a tempo completo (ETC) tivemos 620 traballadores en 2015 e 584 en 2016. 36 persoas menos que inciden nun incremento da poboación atendida. Isto parece debido á inestabilidade laboral: contratos a tempo parcial e de curta duración, bolseiros… De novo volvemos plantexarnos, como nas reflexións do inicio, o papel dos concellos na xestión das bibliotcas municipais ás que destinan pequenas partidas orzamentarias e pouco persoal.

 

Na Coruña a 16 de xullo de 2018

Xunta Directiva de Bamad Galicia

%d bloggers like this: