BAMAD GALICIA

Inicio » Actividades Bamad (Páxina 2)

Category Archives: Actividades Bamad

In Tempore Sueborum: fotos da visita

O pasado sábado 28 de abril 18 persoas, entre membros da asociación e acompañantes, pudemos desfrutar da visita a esta exposición que pechou definitivamente o pasado 6 de maio, cunha afluencia de máis de 44.000 persoas.

Segundo os propios organizadores a exposición In Tempore Sueborum é a maior realizada até o momento sobre a cultura sueva na Gallaecia e xuntando pezas increibles de máis de 30 museos de toda Europa. Algunhas mostradas por primeira vez nesta exposición.

A pesar do interese mostrado polas autoridades na realización desta mostra, a exposición tamén tivo críticas sobre o uso da lingua, a elección dos espazos expositivos a ausencia de algunhas pezas orixinais…

Sufrimos nas nosas carnes a masificación dos últimos días da exposición. O que ía ser unha visita pensada para nós ou para un grupo reducido acabou sendo unha visita masificada que non nos permitiu desfrutar con tranquilidade a mostra, que tería sido moito mellor se pudésemos apreciar as pezas alí mostradas.

Aínda así mereceu a pena realizar a actividade e poder dar a oportunidade de participar, dentro das actividades da asociación, a persoas que doutra maneira non teríamos coincido no acto. Así o encontro, o convivio no que rematamos cunha comida de fraternización e o bo tempo que nos acompañou, permitiu que o a experiencia nos deixase un bo sabor de boca a todas as persoas participantes.

Deixámosvos algunhas fotos da visita.

 

 

 

Advertisements

Obradoiro para persoal de bibliotecas no I Congreso de Mediación Lectora do Salón do Libro Infantil de Pontevedra

Obradoiro para persoal de bibliotecas no I Congreso de Mediación Lectora do Salón do Libro Infantil de Pontevedra con Soledad Felloza

A Compañeira María José Villar da Biblioteca de Chapela envíanos unha crónica do que foi o Obradoiro impartido por Soledad Felloza, celebrado o pasado 21 de abril, no Salón do Libro de Pontevedra dentro do I Congreso Internacional de Mediación Lectora.

 

Mulleres de Conto foi o tema que este ano centraba o Salón do Libro Infantil de Pontevedra, e sen dúbida unha das grandes mulleres de conto da nosa xeografía galega, coa que tivemos o pracer de aprender e tomar inspiración este sábado foi a coñecidísima actriz e contacontos Soledad Felloza.

Esta é a terceira ocasión na que Bamad Galicia oferta unha actividade de encontro e de formación para o persoal das bibliotecas. As anteriores, Imos cazar un oso, coa profesora de literatura e contacontos Alexia Dotras, en 2016, e Máis alá dos estantes, coa actriz e contadora Bea Campos, no 2017, resultaron de grande satisfacción para os/as seus participantes.

Este ano a proposta para os nosos socios foi diferente, xa que a nosa actividade se integraba dentro do I Congreso de Mediación Lectora que ofertaba o Salón do Libro, como un dos seus obradoiros. É por iso que a sesión, de dúas horas de mañá e mais dúas de tarde, foi máis curta, pero non menos interesante.

De Soledad Felloza admiramos a súa versatilidade, e a súa longa experiencia todoterreo. A súa bagaxe viaxeira e mais a súa camiñada como narradora oral cos públicos máis heteroxéneos faina un valor para aportarnos seguridade e moita sabedoría.

Ademáis de darnos consellos para narrar ou para facer actividades de dinamización lectora, Soledad falounos de literatura, e amosounos parte da súa riquísima e moi envexable colección de contos, dos que, como non, tomamos boa nota para poder incorporar aos nosos estantes.

Dada a resposta satisfactoria de todas as persoas participantes (moitos deles repiten de anos anteriores), agardamos poder seguir repetindo esta actividade no Salón do Libro e así aproveitar os grandes acontecementos no mundo do libro que as institucións nos ofertan para facer un oco para a voz e a participación do persoal das bibliotecas.

Que se nos escoite e que se nos agarde en todos os foros sobre a lectura e o libro, e que sexa por moitos anos máis.

Grazas ao Salón do Libro pola oportunidade, e a Bamad pola súa implicación.

Bamad visita a exposición In Tempore Sueborum

In Tempore Sueborum é a maior exposición realizada até o momento sobre a cultura sueva na Gallaecia, organizada pola Deputación, o Bispado e o Museo Municipal de Ourense.

Pensada inicialmente para 3 meses, de decembro 2017 a marzo de 2018, foi ampliado o período de exposición ante a demanda de público. Polo que até o 6 de maio poderá visitarse na cidade de Ourense nas tres sedes nas que se organiza a exposición: Centro Cultural Marcos Valcarcel, Igrexa de Santa María Nai e Museo Municipal.

A exposición documenta a saída dos suevos desde os extremos do imperio romano até o seu asentamento na Gallecia e a formación do primeiro reino de europa constituído após a caída do Imperio Romano.

Xunta pezas de máis de 60 museos de europa que fan un extenso percurso pola cultura, a organización social e a cristianización destes pobos que acabaron por influir sobre a organización social e cultural da nosa terra chegando moitas das súas aportacións até a actualidade.

Bamad Galicia organiza unha visita guiada á exposición que se realizará o sábado 28 de abril e que continúa aberta ás persoas socias. Para participar pódese enviar un email a bamadgalicia@gmail.com

%d bloggers like this: