BAMAD GALICIA

Inicio » Arquivos (Páxina 2)

Category Archives: Arquivos

Advertisements

Proposta de Bamad Galicia aos partidos políticos ante as eleccións xerais 2019

Como asociación representativa do sector en Galicia, e Federada a nivel estatal dentro de Fesabid, sentímonos no deber de dirixirnos aos principais partidos políticos que se presentan ás eleccións xerais de abril de 2019 cunha serie de propostas reivindicativas que cremos que poden ser facilmente asumibles polos partidos e que contribuirían á mellora dos servizos culturais, bibliotecas e arquivos, tanto os que conforman as nosas redes e sistemas de ámbito autonómico como os de titularidade estatal.

ARQUIVOS

Posto que sobre os arquivos de Galicia e as diversas redes e sistemas converxe ou pode converxer a acción de distintas administracións, desexamos pór sobre a mesa diferentes necesidades que deben ser abordadas, tanto conxuntamente como desde cada un dos niveis.

En todos os ámbitos administrativos pedímoslles que adopten como propio o lema escollido pola ONU para o día Internacional da muller este 8 de marzo de 2019: Pensemos en igualdade, construamos con intelixencia, innovemos para o cambio, e o apliquen consecuentemente na xestión da totalidade dos arquivos de Galicia. As políticas de igualdade son unha obriga legal, e todos os niveis administrativos deben implicarse no seu desenvolvemento, para permitirnos configurar unha memoria conscientemente construída da que participemos equitativamente as mulleres, tanto como actoras como en canto que traballadoras recoñecidas no noso sector.

No que se refiere á Administración do Estado:

1) En Galicia contamos con arquivos de titularidade estatal y xestión transferida á Comunidade Autónoma: Para estes, a acción da administración do Estado debería centrarse na dotación de edificios adecuados á recollida, custodia e servizo dos fondos, posto que padecen unha carencia crónica de espazo, e están incapacitados para cumprir os seus fins, poñéndose así o Patrimonio Documental do país en risco de perda e destrución, minorando os dereitos da cidadanía en materia de acceso e defensa dos seus dereitos. Necesitamos intervencións áxiles, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense aínda non conseguiu estrear a súa nova sede despois de 19 anos de obras.

2) Tamén contamos con Arquivos na nosa comunidade de titularidade e xestión estatal, concretamente os arquivos militares, tanto o Arquivo Militar Intermedio do Noroeste como o Arquivo Naval, ambos os dous con sede en Ferrol. O primeiro, infradotado e polo tanto con dificultades para cumprir as súas funcións de servizo á cidadanía, o segundo directamente sen persoal técnico ao seu cargo. Pedimos ao Estado a súa implicación na dotación non só de infraestruturas, senón tamén de medios materiais e persoais, que poñan en valor a súa inmensa riqueza patrimonial e faciliten á cidadanía o acceso ás fontes documentais, sen esquecer a perspectiva de xénero.

3) Queremos que as novas ferramentas conceptuais de organización e descrición de arquivos se fagan con perspectiva de xénero, e que se negocie a incorporación da mesma nas ferramentas en construción nos ámbitos internacionais onde a administración do Estado nos representa a todas as arquivistas; e que esta perspectiva se aplique ademais á ferramenta PARES, contribuíndo así á visibilización das mulleres non só nos arquivos, senón tamén nos documentos, de forma transversal e non só vinculada a efemérides e a persoas concretas.

Queremos que as mulleres sexan visibles tamén nos foros profesionais, e defendemos a súa presenza neles en igualdade aos compañeiros varóns.

Pedimos ademais que o recentemente creado Observatorio de Igualdade de Xénero do Ministerio de Cultura inclúa os arquivos no seus plans de traballo.

En canto á administración Autonómica:

1) Pedimos unha xestión áxil e eficaz, dotando aos centros propios e aos xestionados do persoal e os medios materiais e tecnolóxicos que lle permitan cumprir non só co seu papel de garantes da custodia patrimonial, senón tamén participar dos procesos de mellora que poñen ao noso alcance as novas tecnoloxías e os novos paradigmas de xestión electrónica.

2) Como medida inmediata, queremos que o Plan de Arquivos, previsto na Lei de Arquivos de Galicia, que levamos esperando 4 anos se presente de inmediato, e que se realice con perspectiva de xénero para todos os procesos arquivísticos.

3) Pedimos ademais recoñecemento da nosa profesión e posta en valor do noso traballo, a través de salarios dignos e niveis adecuados.

4) Queremos apoio loxístico desde a administración autonómica para os arquivos municipais, tan mermados de recursos e tan esquecido, porque consideramos fundamental garantir o dereito da cidadanía de todos os municipios de Galicia á cultura e polo tanto a uns servizos de arquivo que fagan partícipes a todas as personas do uso, desfrute e conservación do patrimonio documental.

Para isto é imprescindible asumir o deber de dotar destes servizos en todos os niveis administrativos e en todos os concellos de Galicia ben como servizos propios, ou ben mancomunalos, compartilos ou xestionalos desde as Diputacións.

Desde a Asociación propoñemos que os partidos políticos asuman o compromiso de que os concellos de máis de 10.000 habitantes dispoñan de Arquivo, con persoal titulado á frente dos mesmos.

En canto á administración local:

No ámbito da administración local, apelamos ao papel das Diputacións como provedoras de servizos de arquivo, tanto para si mesmas como para os concellos pequenos.

No caso das propias diputacións, pedimos que todas elas conten con arquivos e profesionais á súa frente, tanto para poder atender os seus propios fondos como para contribuír á dotación e servizo dos arquivos municipais, dotados de medios económicos e tecnolóxicos adecuados.

E concretamente en materia de arquivos municipais, situados no corazón do nivel administrativo máis próximo á cidadanía, moitas veces carentes de recursos para prover as súas necesidades, é preciso dotar os arquivos, existentes ou de nova creación no concello, de instalacións adecuadas para o desenvolvemento dos servizos, e facilitarlles medios materiais, tecnolóxicos e persoais para poder xestionalos, visibilizándoos e difundíndoos para que a cidadanía coñeza a importancia destes servizos para a cultura, a educación, a formación, o ocio, a garantía de dereitos e para a conservación e difusión da memoria das localidades.

BIBLIOTECAS

No que se refiere á Administración do Estado:

En Galicia contamos con bibliotecas de titularidade estatal e xestión transferida á comumidade autónoma. Para estas bibliotecas a acción da administración do Estado debería centrarse nos seguintes puntos:

1) Unha biblioteca Pública do Estado en Vigo: sabemos que xa se realizaron reunións e visitas á cidad co obxectivo de escoller o mellor emprazamento para unha biblioteca pública do Estado. Desde a nosa asociación solicitamos que non se abandone o tema, que se aborde o máis rápido posible coa finalidade de que a cidade máis poboada de Galicia poda contar en breve cun servizo bibliotecario adecuado, dotado dunhas instalacións, persoal e servizos acordes á cidade.

2) Favorecer a posta en marcha e traslado da súa xestión á Xunta de Galicia do novo edificio da biblioteca pública de Ourense, que acumula xa 19 anos de demora.

3) Establecemento dunha verdadeira política de estado en materia de coordinación de bibliotecas que teña como fin primordial corrixir as desigualdades que existen no acceso a servizos bibliotecarios suficientes e de calidade. Ao redor de uns 3000 municipios do estado, decenas no caso de Galicia, carecen de servizo bibliotecario. A lectura e o acceso á información é un dereito de toda a cidadanía polo que os poderes públicos deberán velar por el, posibilitando que toda a cidadanía, con independencia do lugar onde resida, teña acceso á lectura e á información, á formación e ao ocio. As bibliotecas son as institucións públicas que mellor poden axudar a que todas e todos gocemos deste dereito.

4) A inclusión das bibliotecas e do resto das institucións da memoria nas accións encamiñadas á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 das Nacións Unidas. As bibliotecas como lugares para a liberdade, o encontro, a solidariedade, a educación ao longo da vida, a convivencia cidadá, a cultura, a información e a creatividade, poden axudar a corrixir as desigualdades sociais e contribuír ao cumprimento de moitas das metas e obxectivos da Axenda 2030.

5) A mellora da coordinación bibliotecaria en todo o territorio estatal, desenvolvendo as leis estatais de maneira que se recollan estándares de servizo público en materia de bibliotecas e responsabilidades de financiamento.

6) Recuperación do nivel de financiamento das bibliotecas nos Orzamentos Xerais do Estado aos niveis anteriores á crise.

En canto á administración local:

No ámbito da administración local, apelamos ao papel das Diputacións como provedoras de servizos de bibliotecas para os concellos pequenos.

Desde a asociación propoñemos que os partidos políticos asuman o compromiso de que os concellos de máis de 5.000 habitantes dispoñan de Biblioteca propia (como esixe a lexislación).

En materia de bibliotecas municipais, moitass veces carentes de recursos para desenvolver as súas actividades, é preciso dotar as bibliotecas, existentes ou de nova creación no concello, de instalacións adecuadas para o desenvolvemento dos servizos, e facilitarlles medios materiais, tecnolóxicos e persoais para poder xestionalos, visibilizándoos e difundiéndoos para que a cidadanía coñeza a importancia destes servizos para a cultura, a educación, a formación, o ocio, a garantía de dereitos e para a conservación e difusión da memoria das localidades.

Na Coruña a 17 de Abril de 2019

Advertisements

Curso de Xestión de Fondos e Coleccións de Fotografía (2ª ed.)

Curso: Xestión de Fondos e Coleccións de Fotografía (2ª ed.)

  • Impartido por David Iglésias Franch. Xefe de Sección de Documentación Fotográfica e Audiovisual. Centre de Recerca i Difusió de la Imatge, Ajuntament de Girona
  • Modalidade: Online
  • Datas: 4 a 24 de marzo
  • Prazas: 30
  • Horas: 20h.
  • Prezo: socios gratis  / non socios 50€
  • Programa
  • Matrícula electrónica

Orzamentos 2019 para Arquivos da Xunta de Galicia

Comunicado de BAMAD Galicia ante os novos orzamentos da Xunta de Galicia para Arquivos 2019

O proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2019 aumenta a partida dedicada a Arquivos respecto ao ano anterior nun 14,6%, aínda que non recuperamos nin as cifras do ano 2012, nen por suposto, as dos anos anteriores á crise.

No ano 2019 seguimos no camiño da recuperación das partidas dedicadas aos arquivos despois duns anos especialmente difíciles.

Celebramos o aumento das dotacións pero é necesario que sigan a aumentar para paliar as múltiples deficiencias de infraestruturas e de persoal dos arquivos dependentes e xestionados pola Xunta de Galicia porque aínda son moi insuficientes para dar resposta a todas as necesidades acumuladas en anos de rebaixas orzamentarias

Dende BAMAD-Galicia entendemos que é preciso aumentar o esforzo para conseguir unhas infraestruturas dignas para os centros do sistema de arquivos da Xunta de Galicia, a maioría deles sen espazo e sen persoal suficiente para desenvolver as súas funcións.

Esperamos tamén que o 2019 sexa o ano da aprobación dun “Plan xeral de arquivos” que dea resposta ás necesidades: de persoal, de infraestruturas dos arquivos, de ferramentas de traballo ou de formación. Este plan debería elaborarse con perspectiva de xénero e contar cunha memoria económica axeitada para poder garantir os dereitos da cidadanía e cumprir coas obrigas en materia de transparencia, de administración electrónica e de divulgación e conservación do patrimonio documental.

A Xunta Directiva de Bamad Galicia

A Coruña, 19 de Novembro de 2018

 

Cadro comparativo e gráficos dos últimos anos

  2019 2018 2017 2016 2015 2014 2013 2012
Bolsas para conservación do Patrimonio documental en arquivos (4801) 107406 107406 107406 107406 107406 107406 107406 111762
Maquinaria, instalacións e utensilios de arquivos. Adquisicións (6231) 17200 17200 0 4972 14972 14972 14972 24000
Mobiliario e útiles de arquivos (6252) 24000 24000 8835 8835 8835 8835 8835 25000
Proxectos e informes e dirección en materia de arquivos (6283) 135000 59966 25631 18750 30000 60000 60000 167058
Adquisicións e restauración do patrimonio documental (6284) 23336 23336 10850 10850 75000 75000 75000 122285
Movemento e traslados de fondos documentais (6285) 0 0 0 0 2100 2100 2100 3907
Publicacións en materia de arquivos (6286) 10000 10000 4186 6095 14095 14095 14095 23000
Obras de conservación de arquivos (6321) 35000 35000 23000 23000 30000 30000 30000 36445
Actividades difusoras e de promoción de arquivos e patrimonio documental (6404) 161250 161250 141250 141250 50000 50000 50000 60000
Total 513192 438158 321158 321158 332408 362408 362408 573457

Orzamentos para Arquivos: evolución

Orzamentos para Arquivos: detalle e total

%d bloggers like this: