BAMAD GALICIA

Inicio » Bibliotecas » Bibliotecas municipais

Category Archives: Bibliotecas municipais

Bamad ante o conflito das Bibliotecas Municipais da Coruña

COMUNICADO DE BAMAD GALICIA ANTE A SITUACIÓN DAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS DA CORUÑA

Bamad Galicia é a Asociación dos Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia.

Entre os nosos fins están:

– Establecer canles de información e de relación cos poderes institucionais implicados no ámbito de actuación dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación.

– Elaborar programas de actuación que favorezan o coñecemento da situación laboral galega no seu ámbito de actuación e axuden ao seu desenvolvemento.

Despois de coñecer a situación no Sistema de Bibliotecas Municipais da Coruña, desexamos manifestar a nosa opinión, e pedir responsabilidade para a resolución deste conflito en toda a súa amplitude:

– En primeiro lugar, a asociación apoia a remunicipalización do sistema bibliotecario da cidade. As bibliotecas son servizos públicos, non unidades con fins de lucro, polo que han de cumprir as funcións de integración, formación, educación e ocio de toda a poboación en xeral e especificamente de colectivos vulnerables tales como persoas con discapacidades, colectivos marxinados, etc. contando co soporte directo dos poderes públicos.

– En segundo lugar, instamos ao goberno municipal da Coruña a resolver esta problemática de xeito que os traballadores e traballadoras do sistema volvan a cobrar as súas nóminas e saian desta intolerable situación canto antes. A seguridade laboral é un dereito que calquera persoa traballadora merece para desenvolver o seu traballo con garantías e sen menoscabo da súa dignidade. Simultaneamente, o Concello mediante os mecanismos legais pertinentes, debe impeler á empresa concesionaria a cumprir coas súas obrigas.

Apoiamos ao o persoal das bibliotecas municipais e as iniciativas que, tanto a prol da súa mellora laboral, da súa seguridade xurídica e da recuperación dos seus salarios, como na garantía dos servizos públicos do sistema bibliotecario da Coruña, leven a cabo.

E chamamos á cidadanía a apoiar aos traballadores e traballadoras na defensa dos seus dereitos profesionais e na loita pola mellora dos servizos.

Na Coruña a 8 de maio de 2019

 

Advertisements

Traballadora da biblioteca municipal de Redondela participa no programa Vacacións con traballo

A traballadora do Concello de Redondela Mª José Villar, responsable da Biblioteca de Chapela, trasladarase no mes de Outubro a Cabo Verde, dentro do programa “Vacacións con Traballo”, do Fondo Galego de Cooperación.

Esta é a primeira vez que unha das actividades de cooperación deste programa se desenvolve no eido da biblioteca municipal.

O seu cometido, a desenvolver durante todo o mes, será a colaboración na biblioteca da cámara municipal de Santa Cruz, na illa caboverdiana de Santiago.

A actividade de colaboración coa biblioteca municipal da cámara municipal de Santa Cruz enche de alegría ás bibliotecas de Redondela, pero tamén a outras bibliotecas e entidades relacionadas.

Desde BAMAD Galicia manifestámolle a nosa alegría e felicitamos á nosa socia María José por esta boa noticia e ofrecémonos a prestarlle a axuda e asesoramento que poda precisar. Incorporar as bibliotecas municipais dentro dun programa de cooperación a través do Fondo Galego, supón un grande pulo para a visibilización das bibliotecas, tanto de cara aos usuarios, e á poboación xeral, como de cara aos responsables dos servizos municipais.

Desde Bamad tamén lle fixemos o encargo de que, nas medidas das súas posibilidades, nos envíe crónicas de interese para facer un seguimento do seu traballo de cooperación (que por outro lado tamén se poderá seguir no blogue do proxecto indicado máis abaixo). Á súa volta tamén poderá compartir con nós a súa experiencia que serva, sobre todo, para que outras persoas das bibliotecas locais nos animemos a participar.

Xunto a Mª José van a Cabo Verde outros compañeiros e compañeiras doutros concellos que prestarán os seus servizos noutros departamentos administrativos desta e doutra cámaras municipais de Cabo Verde e Nicaragua.

Vacacións con Traballo” é un programa de sensibilización e de cooperación técnica que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ven desenvolvendo nos últimos dez anos. Cada ano, técnicos municipais de diferentes áreas e especialidades desprázanse, grazas a este programa, cara a países onde o fondo está desenvolvendo actividades de apoio ao desenvolvemento. Para participar, os candidatos preséntanse nunha convocatoria e pasan despois por unha selección, onde se valoran tanto os seus currículos como a súa adaptación ás necesidades da entidade que os vai acoller. No Sur o seu traballo encádrase dentro do ámbito local, ben directamente nas cámaras municipais ou ben a través de ONGDs locais.

Vacacións con Traballo ten sobre todo unha finalidade de sensibilización, xa que as e os profesionais participantes intercambian experiencias, toman conciencia das desigualdades e se converten en axentes da transformación social cara actitudes solidarias.

As súas experiencias poderemos seguilas en: https://vacacionscontraballo.wordpress.com

MÁIS INFORMACIÓN:

– Blogue das Bibliotecas de Redondela: A nosa compañeira Mª José, cooperante nunha biblioteca municipal de Cabo Verde

– Vacacións con Traballo: Persoal de seis concellos galegos cooperará con Nicaragua e Cabo Verde nas Vacacións con Traballo 

Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas municipais 2015

Calculadora

Declaración de BAMAD Galicia ante a Orde da Consellería de Cultura de subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas municipais 2015

A Consellería de Cultura publica a ORDE do 22 de xuño de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual a concellos de Galicia para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas de Galicia e se procede á súa convocatoria para o período do 1 de maio de 2015 ao 1 de abril de 2016.

Na orde, igual que o pasado ano, indícase que poden acceder unicamente a esta convocatoria os concellos de menos de 30.000 habitantes. Ademais das 7 cidades, quedan fora da convocatoria, os concellos como Arteixo, Carballo, Narón, Oleiros e Vilagarcía (segundo os datos de poboación do INE a 1 de xaneiro de 2013). O conxunto dos concellos excluídos desta convocatoria representan o 42% da poboación de Galicia.

Esta orde supón incumprir a obriga da Xunta de Galicia de “establecer anualmente nos seus orzamentos programas para a adquisición de fondos e recursos tecnolóxicos, actividades de difusión e formación do persoal e outros que puideren considerarse necesarios para a Rede de bibliotecas públicas de Galicia” xa que se refire a toda a Rede de Bibliotecas e non só a unha parte da mesma, como se recolle na Lei de Bibliotecas de Galicia.

A xustificación da Xunta para deixar fóra estes concellos é “Acadar unha maior cohesión territorial de Galicia e a necesidade de asegurar que os concellos de menor poboación e con menores recursos para dotar os seus servizos bibliotecarios poidan recibir unha cantidade que realmente lles permita actualizar os seus fondos e prestar un servizo aos seus usuarios de similar calidade que o que reciben os dos concellos máis poboados de Galicia, que recibiron nos anos anteriores maior volume de recursos, xustifican a necesidade de concentrar todo o orzamento dispoñible unicamente nos concellos de poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes.”

Porén esa pretendida cohesión dificilmente se vai poder acadar coas cantidades máximas que van conceder por concello, en moitos casos ridículas. As axudas serán das seguintes contías segundo a poboación do concello:

  • Menos de 2.000: recibirán un máximo de 500€
  • De 2.001/5.000: recibirán un máximo de 1.000€
  • De 5.001/10.000: recibirán un máximo de 1.500€
  • De 10.001/20.000: recibirán un máximo de 2.000€
  • De 20.001 a 30.000: recibirán un máximo de 2.500€

En anos anteriores as axudas de cofinanciamento recollían unhas condicións nas que a Consellería aportaba unha porcentaxe para as adquisicións dependendo das cantidades aportadas por cada concello, o que favorecía que os concellos se implicasen no mantemento da colección das súas bibliotecas se querían participar deste programa de axudas.

Dende o ano pasado xa non se solicita a mesma implicación dos concellos e ademais “penalízase” aos concellos de maior poboación que son tamén os que máis cidadáns teñen que atender e, normalmente, os que máis invisten nas bibliotecas por ter unha maior poboación.

Desde BAMAD Galicia recoñecemos que as axudas deben favorecer unha maior cohesión territorial beneficiando as bibliotecas menos desenvolvidas, pero isto non se debe facer excluíndo a outras bibliotecas. Por outro lado as partidas de “cohesión” indicadas máis arriba en nada van axudar a mellorar as coleccións xa que se trata de partidas ridículas para os municipios máis pequenos.

Para a mellora das bibliotecas e das súas colección cremos que é necesario desenvolver a Lei 5/2012 de Bibliotecas no que respecta ao tipo de bibliotecas e servizos que deben ofrecer. O desenvolvemento de novos servizos poden ser levados a cabo por bibliotecas supramunicipais que faciliten ofrecer máis servizos e acceder a máis fondos que os propios aportados por cada concello.

Por último as entidades de profesionais que traballamos a favor dos servizos bibliotecarios ofrecemos como sempre a nosa colaboración para participar no desenvolvemento e mellora destes servizos.

 

A Coruña, 9 de xullo de 2015

A xunta directiva de BAMAD Galicia

%d bloggers like this: