BAMAD GALICIA

Inicio » Bibliotecas » Bibliotecas públicas

Category Archives: Bibliotecas públicas

Valoración Estatísticas das Bibliotecas públicas de Galicia 2016

Galicia conta con 80 concellos sen bibliotecas. Só o 33% da poboación usa os servizos bibliotecarios e destinamos 8,66€ por habitante ás bibliotecas, 1,28€ menos que no conxunto do estado.

Isto é o que podemos tirar dos datos das últimas estatísticas de bibliotecas, correspondentes ao ano 2016, publicadas polo Ministerio de Cultura.

 

Non podemos alegrarnos destes datos xa que non nos deixan quedar en moi bo lugar con respecto á media das bibliotecas públicas do estado. Aínda que se mellora nalgúns aspectos con respeto ao 2015, na maioría dos indicadores contemplados quedamos por baixo da media estatal.

Queremos lembrar que desde Bamad Galicia levamos anos incidindo en que os recortes nos orzamentos dos anos da crise deixaron uns servizos moi deteriorados que vai costar moito tempo recuperar. Como analizamos neste artigo (Orzamentos bibliotecas 2018) con respecto ao 2012 a baixada foi de mais do 50% nos orzamentos autonómicos aos que hai que sumar os recortes nos orzamentos municipais.

 

Aspectos positivos: como en anos anteriores recoñecemos que a administración autonómica está realizando labores que contribúen a mellorar estes datos e que, a pesar dos recortes, sen o seu apoio os datos serían aínda piores. Lembramos como aspectos positivos as axudas ás adquisición de fondos bibliográficos: tanto para a mellora da colección como para o fomento do libro galego e o incremento de fondos en fomato dixital de acceso a través do portal Galicia Le e que acaba de incorporar materiais audiovisuais ademais de novos libros. É positivo o apoio á realización de actividades de animación á lectura (Ler Conta Moito). Tamén a mostra de interese na mellora das ferramentas de xestión coa implementación de Koha como software de xestión bibliotecaria que xa teñen integrado na Rede máis de 70 bibliotecas e que continuarán nunha seguinte fase con novas incorporacións. Por último hai que salientar a creación e posta en práctica de ferramentas de planificación como o Mapa e os indicadores de bibliotecas. O Mapa encóntrase en fase de revisión e actualización. Agora estamos á espera de que se comecen a aplicar os indicadores na maioría das bibliotecas públicas.

 

Os datos non son bos con respeto aos do conxunto do Estado. Sen embargo temos que recoñecer que nalgúns aspectos melloraron con respecto aos do 2015 e esperamos que o esforzo realizado pola administración autonómica se vaia notando aínda máis nun futuro próximo para nos levar a situarnos por encima das medias estatais.

 

Aspectos negativos: destaca o xa sinalado da redución das partidas orzamentarias. Tamén hai que salientar a falta de control das políticas e accións levadas a cabo desde os concellos nos que nos encontramos con casuísticas, por desgraza bastantes habituais, de contratacións de persoal non especializado e/ou compartindo praza con outros postos que nada teñen a ver coa xestión da información e documentación. Bibliotecas municipais con partidas tamén escasas ou inexistentes. Locais que non cumpren os parámetros do que debería ser unha biblioteca pública… É importante que se desenvolvan e apliquen as ferramentas de planificación que indiquen que servizos e de que características se deben ofrecer. E, aínda que non somos partidarios de medidas coercitivas, cremos que, desde a Xunta de Galicia, respetando a potestade organizativa dos concellos, se debe supervisar a correcta xestión dos servizos bibliotecarios municipais e, desde logo, non se debe premiar aqueles concellos que non cumpran coa obriga de prestar servizos de calidade.

 

Por outro lado, a dispersión e a perda de poboación, non permiten que concellos pequenos poidan prestar servizos de calidade. É necesario regulamentar a cooperación entre as administracións, como se recolle no espírito da Lei de Bibliotecas. Hai que prestar servizos nos que colaboren os Concellos, as Deputacións e a Xunta e hai que procurar dotar de servizos bibliotecarios a toda a cidadanía, mesmo á que non ten servizos nos seus concellos, mediante servizos de préstamo e lectura electrónica, mediante servizos móbiles… ou outros servizos que poidan facilitar a difusión e uso dos recursos bibliográficos.

Resumo estatístico de Galicia:

 

 

Datos Xerais: contamos con 250 bibliotecas públicas que prestan os seus servizos en 346 puntos de atención bibliotecaria. Hai 80 concellos en Galicia que non dispoñen de ningún servizo bibliotecario. No ano 2016 deuse de baixa 1 punto de servizo.

No número de documentos por habitante estamos por riba da media. Contamos con 2,14 doc/hab, mentras que no estado a media é de 1,88. (2,10 e 1,84 no 2015). Dato que non necesariamente ten que ser bo xa que necesita dunha Avaliación da colección.

No número de documentos adquiridos por habitante estamos perto da media, aínda que por baixo dela. En Galicia no 2016 adquiríronse 71,42 doc/hab, mentras que no estado a media foi de 72,77. (72,04 e 75,36 no 2015). Descenso tanto en Galicia como no estado o que nos leva a achegarnos perto da media de documentos adquiridos con respecto ao 2015.

No número de visitas á biblioteca por habitantes contamos con 1,81, mentras a media do estado foi de 2,30. (1,99 e 2,35 en 2015). Baixada importante con respecto ao 2015, inflúen factores de perda de poboación, avellentamento, dispersión… A baixada tamén se reflicte no Barómetro: Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España 2017, FGEE, 2018

Só o 33% dos habitantes de Galicia está inscrito nalgunha biblioteca pública, mentras no estado a media é de 37. (31 e 36 no 2015) Increméntase en 2 puntos mentres no estado só sobe un polo que nos vamos achegando á media.

Prestamos menos documentos por habitante que a media do estado: Galicia presta 0,80 mentras que no estado se prestaron 1,06 doc/hab. (0,84 e 1,11 en 2015). Ten que ver co indicado no primeiro punto de que se debe Avaliar a colección para ver a súa pertinencia frente á demanda dos usuarios. Por outro lado están factores xa indicados como dispersión da poboación, concellos sen servizos bibliotecarios…

As actividades realizadas nas bibliotecas galegas por cada 1.000 habitante son tamén menores que as do estado: 2,40 frente a 4,84 act/1.000 hab. (4,21 e 4,63 en 2015). Descoñecemos as causas que inciden nesta baixada xa que no 2015 o número de actividades foi moito  maior e próxima da media do estado. Non sabemos se houbo algún cambio na recollida de datos ou é o efecto da crise económica que levou a reducir o número de actividades.

Nos gastos correntes destinados ás bibliotecas públicas en Galicia destinouse 8,66€/hab, mentras que no estado o gasto foi de 9,94€. (8,54 e 9,45 en 2015). Malia o incremento con respecto ao 2015 seguimos por baixo da media. Nos factores podemos indicar que aínda non se recuperaron para as bibliotecas os orzamentos dos anos previos á crise tanto a nivel autonómico como na administración local.

En Galicia contamos cun bibliotecario por cada 4.638 habitantes, mentras que no estado teñen 1 por cada 4.362 habitantes. (4.383 e 4.365 en 2015). Non temos constancia da baixada no número de persoal bibliotecario. Sen embargo estes datos indican que contamos con menor número de persoal para atender a unha poboación que por outro lado tamén se reduciu de maneira importante polo que co mesmo persoal deberíamos poder atender a menor número de habitantes. En persoal equivalente a tempo completo (ETC) tivemos 620 traballadores en 2015 e 584 en 2016. 36 persoas menos que inciden nun incremento da poboación atendida. Isto parece debido á inestabilidade laboral: contratos a tempo parcial e de curta duración, bolseiros… De novo volvemos plantexarnos, como nas reflexións do inicio, o papel dos concellos na xestión das bibliotcas municipais ás que destinan pequenas partidas orzamentarias e pouco persoal.

 

Na Coruña a 16 de xullo de 2018

Xunta Directiva de Bamad Galicia

Advertisements

Valoración Estatísticas das Bibliotecas públicas de Galicia 2015

Galicia conta con 80 concellos sen bibliotecas. Só o 31% da poboación usa os servizos bibliotecarios e destinamos 8,54€ por habitante ás bibliotecas, 1€ menos que no conxunto do estado. Destaca a provincia da Coruña entre as que están por riba da media estatal na maioría dos indicadores.

Isto é o que se desprende dos datos das últimas estatísticas de bibliotecas, correspondentes ao ano 2015, publicadas polo Ministerio de Cultura.

 

As bibliotecas galegas non podemos alegrarnos destes datos xa que non nos deixan quedar en moi bo lugar con respecto á media dos datos bibliotecarios do estado.

 

Queremos lembrar que desde Bamad Galicia levamos anos incidindo en que os recortes nos orzamentos están deixando uns servizos moi deteriorados que vai costar moito tempo recuperar.

 

Aínda así recoñecemos que a administración autonómica está realizando labores que contribúen a mellorar estes datos e que, a pesar dos recortes, sen o seu apoio os datos serían aínda piores. Lembramos como aspectos positivos as axudas ás adquisición de fondos bibliográficos: tanto para a mellora da colección como para o fomento do libro galego. É positivo o apoio á realización de actividades de animación á lectura (Ler Conta Moito). Tamén a mostra de interese na mellora das ferramentas de xestión bibliotecaria coa implementación dun novo software de xestión. Por último hai que salientar o interese en desenvolver ferramentas de planificación como o Mapa e os indicadores de bibliotecas.

Esperamos que estas melloras se noten nun futuro próximo e que en próximas estatísticas podamos contar con mellores resultados.

 

Porén temos que sinalar tamén os aspectos negativos entre os que se encontra o xa sinalado da redución das partidas orzamentarias. Máis significativo é o retraso no desenvolmento das ferramentas de planificación, que lembramos que tiñan que ser aprobadas en 2013. Tamén hai que salientar a falta de control das políticas e accións levadas a cabo desde os concellos nos que nos encontramos con casuísticas, por desgraza bastantes habituais, de contratacións de persoal non especializado e/ou compartindo praza con outros postos que nada teñen a ver coa xestión da información e documentación. Bibliotecas municipais con partidas tamén escasas ou inexistentes. Locais que non cumpren os parámetros do que debería ser unha biblioteca pública… É importante contar coas ferramentas de planificación que indiquen que servizos e de que características se deben ofrecer. E, aínda que non somos partidarios de medidas coercitivas, cremos que desde a Xunta de Galicia, respetando a potestade organizativa dos concellos, se debe mirar pola correcta xestión dos servizos bibliotecarios municipais e, desde logo, non se debe premiar aqueles concellos que non cumpran coa obriga de prestar servizos de calidade.

 

Por outro lado, a dispersión e a perda de poboación, non permiten que concellos pequenos podan prestar servizos de calidade. É necesario regulamentar a cooperación entre as administracións, como se recolle no espírito da Lei de Bibliotecas. Hai que prestar servizos nos que colaboren os Concellos, as Deputacións e a Xunta e hai que procurar dotar de servizos bibliotecarios a toda a cidadanía, mesmo á que non ten servizos nos seus concellos, mediante servizos de préstamo e lectura electrónica, mediante servizos móbiles… ou outros servizos que podan facilitar a difusión e uso dos recursos bibliográficos.

Resumo estatístico de Galicia:

Datos Xerais: contamos con 250 bibliotecas públicas que prestan os seus servizos en 347 puntos de atención bibliotecaria. Hai 80 concellos en Galicia que non dispoñen de ningún servizo bibliotecario. No ano 2015 deuse de baixa 1 biblioteca.

No número de documentos por habitante estamos por riba da media. Contamos con 2,10 doc/hab, mentras que no estado a media é de 1,85.

No número de documentos adquiridos por habitante estamos perto da media, aínda que por baixo dela. En Galicia no 2015 adquiríronse 72,04 doc/hab, mentras que no estado a media foi de 75,44.

No número de visitas á biblioteca por habitantes contamos con 1,99, mentras a media do estado foi de 2,35.

Só o 31% dos habitantes de Galicia está inscrito nalgunha biblioteca pública, mentras no estado a media é de 36.

Prestamos menos documentos por habitante que a media do estado: Galicia presta 0,84 mentras que no estado se prestaron 1,11 doc/hab.

As actividades realizadas nas bibliotecas galegas por cada 1.000 habitante son tamén menores que as do estado: 4,21 frente a 4,31 act/1.000 hab.

Nos gastos correntes destinados ás bibliotecas públicas en Galicia destinouse 8,54€/hab, mentras que no estado o gasto foi de 9,55€

En Galicia contamos cun bibliotecario por cada 5.846 habitantes, mentras que no estado teñen 1 por cada 4.405 habitantes.

 

Datos desiguais por provincias:

Os datos non son iguais para todas as provincias e presentan datos moi desiguais. Destaca en xeral a Provincia da Coruña por estar por riba da media do estado en moitos dos indicadores.

Os datos non son iguais para todas as provincias e presentan datos moi desiguais. Destaca en xeral a Provincia da Coruña por estar por riba da media do estado en moitos dos indicadores.

Así tres das provincias galegas están por riba da media española en documentos por habitante, excepto a de Pontevedra que está por baixo da media.

Nos documentos adquiridos por habitantes Coruña e Pontevedra están por riba da media e Lugo e Ourense por baixo.

Na poboación inscrita a Provincia da Coruña está por riba da media estatal, mentras as outras tres provincias están por debaixo.

No número de préstamos por habitante o provincia da Coruña está moi por riba da media estatal e a de Lugo igual a media, metras que Ourense e Pontevedra están por baixo da media.

No número de visitantes a provincia da Coruña destaca moi por riba da media estatal. As outras tres están por baixo.

Nos gastos correntes por habitante a provincia da Coruña destaca tamén por riba, mentras as outras tres están por baixo.

No número de persoas atendidas por bibliotecario destacan as provincias de Lugo e Ourense con máis persoal en relación á poboación. Está equiparada á media a provincia da Coruña e moi por baixo a de Pontevedra.

 

Comunicado de Bamad Galicia ante o cesa de 4 directoras de Bibliotecas da Xunta de Galicia

DECLARACIÓN DE BAMAD GALICIA ANTE O CESE DE 4 DIRECTORAS DAS BIBLIOTECAS PÚBLICAS XESTIONADAS POLA XUNTA DE GALICIA

 

O Día do libro infantil celébrase o 2 de Abril en todo o mundo. Este ano, a celebración quedou ensombrecida pola decisión da Xunta de Galicia de cesar a 4 directoras das 6 bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia.

As directoras das Bibliotecas de Coruña, Lugo, Pontevedra e Santiago de Compostela foron sorprendidas o venres 30 de marzo coa noticia do seu cese. Noticia que se fixo pública con data do luns 3 de abril.

BAMAD Galicia lamenta esta decisión xa que supón apartar das súas responsabilidades a 4 profesionais das bibliotecas sen que se teña explicado nin motivado publicamente as razóns destes ceses.

En todo caso, desde BAMAD Galicia, traballamos para que as prazas das Direccións das Bibliotecas xestionadas pola Xunta de Galicia non se cubran mediante o sistema de libre designación, sistema que posibilita o nomeamento e o cese discrecional por parte da administración, senón mediante concurso, como se tiña realizado até 2013, ano no que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria decidiu cambiar o sistema de provisión prazas de dirección de arquivos, bibliotecas e museos.

Desde a Asociación seguiremos defendendo o sistema de concurso para o seu nomeamento porque é o que garante o acceso dos/das mellores profesionais e o exercicio da profesión con independencia.

Cremos que é unha decisión errada ter cesado estas persoas xusto cando as bibliotecas se encontran, nos meses de abril e maio, coas celebracións dunhas das datas máis relevantes para a dinamización das bibliotecas como son o Día Internacional do Libro infantil, o Día Internacional do Libro e o Día das Letras galegas. Ter cesado sen previsión de recambio a estas persoas deixa o funcionamento das bibliotecas baixo mínimos, impedindo que exerzan con normalidade as súas funcións.

 

Na Coruña a 4 de abril de 2017

A Xunta Directiva de Bamad Galicia

%d bloggers like this: