BAMAD GALICIA

Inicio » Noticias Bamad

Category Archives: Noticias Bamad

Valoración Estatísticas das Bibliotecas públicas de Galicia 2015

Galicia conta con 80 concellos sen bibliotecas. Só o 31% da poboación usa os servizos bibliotecarios e destinamos 8,54€ por habitante ás bibliotecas, 1€ menos que no conxunto do estado. Destaca a provincia da Coruña entre as que están por riba da media estatal na maioría dos indicadores.

Isto é o que se desprende dos datos das últimas estatísticas de bibliotecas, correspondentes ao ano 2015, publicadas polo Ministerio de Cultura.

 

As bibliotecas galegas non podemos alegrarnos destes datos xa que non nos deixan quedar en moi bo lugar con respecto á media dos datos bibliotecarios do estado.

 

Queremos lembrar que desde Bamad Galicia levamos anos incidindo en que os recortes nos orzamentos están deixando uns servizos moi deteriorados que vai costar moito tempo recuperar.

 

Aínda así recoñecemos que a administración autonómica está realizando labores que contribúen a mellorar estes datos e que, a pesar dos recortes, sen o seu apoio os datos serían aínda piores. Lembramos como aspectos positivos as axudas ás adquisición de fondos bibliográficos: tanto para a mellora da colección como para o fomento do libro galego. É positivo o apoio á realización de actividades de animación á lectura (Ler Conta Moito). Tamén a mostra de interese na mellora das ferramentas de xestión bibliotecaria coa implementación dun novo software de xestión. Por último hai que salientar o interese en desenvolver ferramentas de planificación como o Mapa e os indicadores de bibliotecas.

Esperamos que estas melloras se noten nun futuro próximo e que en próximas estatísticas podamos contar con mellores resultados.

 

Porén temos que sinalar tamén os aspectos negativos entre os que se encontra o xa sinalado da redución das partidas orzamentarias. Máis significativo é o retraso no desenvolmento das ferramentas de planificación, que lembramos que tiñan que ser aprobadas en 2013. Tamén hai que salientar a falta de control das políticas e accións levadas a cabo desde os concellos nos que nos encontramos con casuísticas, por desgraza bastantes habituais, de contratacións de persoal non especializado e/ou compartindo praza con outros postos que nada teñen a ver coa xestión da información e documentación. Bibliotecas municipais con partidas tamén escasas ou inexistentes. Locais que non cumpren os parámetros do que debería ser unha biblioteca pública… É importante contar coas ferramentas de planificación que indiquen que servizos e de que características se deben ofrecer. E, aínda que non somos partidarios de medidas coercitivas, cremos que desde a Xunta de Galicia, respetando a potestade organizativa dos concellos, se debe mirar pola correcta xestión dos servizos bibliotecarios municipais e, desde logo, non se debe premiar aqueles concellos que non cumpran coa obriga de prestar servizos de calidade.

 

Por outro lado, a dispersión e a perda de poboación, non permiten que concellos pequenos podan prestar servizos de calidade. É necesario regulamentar a cooperación entre as administracións, como se recolle no espírito da Lei de Bibliotecas. Hai que prestar servizos nos que colaboren os Concellos, as Deputacións e a Xunta e hai que procurar dotar de servizos bibliotecarios a toda a cidadanía, mesmo á que non ten servizos nos seus concellos, mediante servizos de préstamo e lectura electrónica, mediante servizos móbiles… ou outros servizos que podan facilitar a difusión e uso dos recursos bibliográficos.

Resumo estatístico de Galicia:

Datos Xerais: contamos con 250 bibliotecas públicas que prestan os seus servizos en 347 puntos de atención bibliotecaria. Hai 80 concellos en Galicia que non dispoñen de ningún servizo bibliotecario. No ano 2015 deuse de baixa 1 biblioteca.

No número de documentos por habitante estamos por riba da media. Contamos con 2,10 doc/hab, mentras que no estado a media é de 1,85.

No número de documentos adquiridos por habitante estamos perto da media, aínda que por baixo dela. En Galicia no 2015 adquiríronse 72,04 doc/hab, mentras que no estado a media foi de 75,44.

No número de visitas á biblioteca por habitantes contamos con 1,99, mentras a media do estado foi de 2,35.

Só o 31% dos habitantes de Galicia está inscrito nalgunha biblioteca pública, mentras no estado a media é de 36.

Prestamos menos documentos por habitante que a media do estado: Galicia presta 0,84 mentras que no estado se prestaron 1,11 doc/hab.

As actividades realizadas nas bibliotecas galegas por cada 1.000 habitante son tamén menores que as do estado: 4,21 frente a 4,31 act/1.000 hab.

Nos gastos correntes destinados ás bibliotecas públicas en Galicia destinouse 8,54€/hab, mentras que no estado o gasto foi de 9,55€

En Galicia contamos cun bibliotecario por cada 5.846 habitantes, mentras que no estado teñen 1 por cada 4.405 habitantes.

 

Datos desiguais por provincias:

Os datos non son iguais para todas as provincias e presentan datos moi desiguais. Destaca en xeral a Provincia da Coruña por estar por riba da media do estado en moitos dos indicadores.

Os datos non son iguais para todas as provincias e presentan datos moi desiguais. Destaca en xeral a Provincia da Coruña por estar por riba da media do estado en moitos dos indicadores.

Así tres das provincias galegas están por riba da media española en documentos por habitante, excepto a de Pontevedra que está por baixo da media.

Nos documentos adquiridos por habitantes Coruña e Pontevedra están por riba da media e Lugo e Ourense por baixo.

Na poboación inscrita a Provincia da Coruña está por riba da media estatal, mentras as outras tres provincias están por debaixo.

No número de préstamos por habitante o provincia da Coruña está moi por riba da media estatal e a de Lugo igual a media, metras que Ourense e Pontevedra están por baixo da media.

No número de visitantes a provincia da Coruña destaca moi por riba da media estatal. As outras tres están por baixo.

Nos gastos correntes por habitante a provincia da Coruña destaca tamén por riba, mentras as outras tres están por baixo.

No número de persoas atendidas por bibliotecario destacan as provincias de Lugo e Ourense con máis persoal en relación á poboación. Está equiparada á media a provincia da Coruña e moi por baixo a de Pontevedra.

 

Declaracion BAMAD Galicia Día Internacional dos Arquivos 2017

Declaración polo Día Internacional dos Arquivos 2017

BAMAD e o día Internacional dos Arquivos:

Outro ano máis BAMAD únese á conmemoración do Día Internacional dos Arquivos #IAD17 , un día de celebración e de reivindicación:

 

  • Celebramos:
    • Que nos arquivos cabemos todos e todas: profesionais  e cidadanía
    • Que traballamos para garantir dereitos e obrigas, para documentar o pasado, para conformar a identidade do noso país, e para participar no seu futuro
    • Que os arquivos son fundamentais nun mundo en constante cambio
  • Reivindicamos:
    • Que necesitamos máis arquiveiras e arquiveiros
    • Que é imprescindible crear máis arquivos e dotar de máis medios e infraestruturas adecuadas aos que existen.
    • Que as administracións deben cumprir as leis de arquivos
O día 9 de xuño seguiremos a traballar, a celebrar e a reivindicar. Feliz día!

 

Programa Internacional de Acción para o Desenvolvemento a través das Bibliotecas da IFLA

International Program Advocacy (IAP) da IFLA

Programa Internacional de Acción para o Desenvolvemento a través das Bibliotecas da IFLA

 

O día 28 de marzo celebrouse en Madrid un obradoiro organizado por FESABID, en colaboración coa Subdirección de Coordinación Bibliotecaria e a Subdirección General del Libro de la Comunidad de Madrid, para presentar o Programa Internacional de Acción para o Desenvolvemento a través das Bibliotecas IFLA (do que demos conta a comezos de 2016). Por Bamad Galicia asistiu Isabel Blanco, representando tamén as Bibliotecas Municipais da Coruña, e quen nos envía esta crónica.

Os obxectivos formulados para o obradoiro foron:

  • Dar a coñecer o Programa IFLA/IAP

  • Sensibilizar aos profesionais e as asociacións presentes da importancia de participar nel

  • Transmitir a idea de que a formación é unha necesidade en crecemento e a idea de que os presentes deberán asumir o liderado nas súas áreas territoriais

O obradoiro estructurouse en dúas partes:

A primeira parte consistiu nunha presentación da Presidenta de FESABID, e ademais Presidenta da IFLA, Gloria Pérez Salmerón, na que se trataron os seguintes temas:

 

Proceso da Axenda 2030 da ONU e o traballo de promoción e defensa da IFLA.

  • A IFLA conseguiu que o acceso á información fose recoñecido pola ONU como unha meta dentro do obxectivo 16 “Promover as sociedades pacíficas e incluíntes para o desenvolvemento sustentable, proporcionar acceso á xustiza para todos e construír institucións efectivas, responsables e incluíntes en todos os niveis”. Meta 16.10: “Asegurar o acceso público á información e protexer as liberdades fundamentais, de conformidade coas lexislacións nacionais e os acordos internacionais”. Tamén se incluíron a cultura (meta 11.4) e as Tics (metas 5b, 9c, 17.8) nos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento). Ademais, a alfabetización universal está recoñecida na visión da Axenda 2030.

  • IFLA/IAP (Advocacy International Program) é un Programa para apoiar as actividades que propugnen a inclusión das bibliotecas e do acceso á información como parte dos plans nacionais e rexionais de desenvolvemento os cais axudarán a cumprir a Axenda 2030 da ONU. Nace con tres obxectivos claros:

  1. Demostrar agora que as bibliotecas poden impulsar o progreso en toda a Axenda.

  2. Informar os líderes gobernamentais acerca da maneira en que as bibliotecas funcionan como socios rendibles para a consecución das prioridades do desenvolvemento. Por isto, é necesario emprender actividades de defensa e promoción para garantir o pleno recoñecemento do papel das bibliotecas como motores do desenvolvemento local, así como asegurar que reciban os recursos necesarios para continuar con ese labor.

  3. Demostrar a capacidade de mobilización que teñen as bibliotecas e os bibliotecarios para que a Fundación Bill e Melinda Gates acceda a transferir o crédito do seu Programa Global Libraries á IFLA para que o xestione.

 

Posta en marcha a nivel nacional da Axenda 2030

  • A Axenda 2030 levarase a cabo a través de Plans Nacionais de Desenvolvemento que ditarán a pauta das partidas orzamentarias e as prioridades dos programas dos gobernos.

  • En España, pola situación política de inestabilidade dos últimos tempos, aínda non se aprobou o Plan Nacional pero algunhas autonomías xa están a traballar na consecución dos ODS, ben a través da aprobación dos seus propios plans, ou ben a través da formación de Comisións.

 

Papel dos profesionais bibliotecarios nesta posta en marcha

  • Realizar accións de sensibilización e formación sobre as bibliotecas e a súa vinculación cos ODS da Axenda 2030.

  • Organizar reunións con responsables políticos para convencelos de que as bibliotecas son motores de desenvolvemento local.

  • Informar ás persoas usuarias sobre os obxectivos ODS.

  • Desenvolver programas e actividades que se enmarquen nos ODS.

  • Identificar os programas existentes na actualidade que se poden enmarcar nos ODS para que pasen a formar parte dunha base de datos da IFLA e poidan servir de modelo a outras bibliotecas.

 

A segunda parte consistiu nun taller práctico onde Alicia Selles e Anabel Fernández, enlaces entre a IFLA e FESABID e encargadas do Programa en España, introduciron o debate sobre os ODS e a súa aplicación nas Bibliotecas. Tamén se identificaron os programas existentes na actualidade que poden axudar a alcanzar os ODS. Finalmente traballouse no deseño dunha Estratexia Nacional de Bibliotecas e Información.

Dúas das persoas presentes, membros do Consello de Cooperación Bibliotecaria comprometéronse a transmitir ao Consello a necesidade de que este faga unha declaración pública de que as bibliotecas poden contribuír a alcanzar os ODS e para que solicite ao Ministerio de Asuntos Exteriores a incorporación das Bibliotecas no futuro Plan de Desenvolvemento e, por tanto, que estas sexan receptoras de parte do seu orzamento.

Acórdase que os profesionais presentes, directores de redes e bibliotecas innovadoras e referentes en España e representantes de asociacións profesionais, volvan reunirse en Pamplona, nas Xornadas de FESABID, para seguir traballando na Estratexia.

Más información en: https://www.ifla.org/libraries-development

https://www.ifla.org/files/assets/hq/topics/libraries-development/documents/ifla-poster-sdgs.pdf

%d bloggers like this: