BAMAD GALICIA

Inicio » Noticias Bamad (Páxina 2)

Category Archives: Noticias Bamad

Advertisements

Bamad ante o conflito das Bibliotecas Municipais da Coruña

COMUNICADO DE BAMAD GALICIA ANTE A SITUACIÓN DAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS DA CORUÑA

Bamad Galicia é a Asociación dos Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia.

Entre os nosos fins están:

– Establecer canles de información e de relación cos poderes institucionais implicados no ámbito de actuación dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación.

– Elaborar programas de actuación que favorezan o coñecemento da situación laboral galega no seu ámbito de actuación e axuden ao seu desenvolvemento.

Despois de coñecer a situación no Sistema de Bibliotecas Municipais da Coruña, desexamos manifestar a nosa opinión, e pedir responsabilidade para a resolución deste conflito en toda a súa amplitude:

– En primeiro lugar, a asociación apoia a remunicipalización do sistema bibliotecario da cidade. As bibliotecas son servizos públicos, non unidades con fins de lucro, polo que han de cumprir as funcións de integración, formación, educación e ocio de toda a poboación en xeral e especificamente de colectivos vulnerables tales como persoas con discapacidades, colectivos marxinados, etc. contando co soporte directo dos poderes públicos.

– En segundo lugar, instamos ao goberno municipal da Coruña a resolver esta problemática de xeito que os traballadores e traballadoras do sistema volvan a cobrar as súas nóminas e saian desta intolerable situación canto antes. A seguridade laboral é un dereito que calquera persoa traballadora merece para desenvolver o seu traballo con garantías e sen menoscabo da súa dignidade. Simultaneamente, o Concello mediante os mecanismos legais pertinentes, debe impeler á empresa concesionaria a cumprir coas súas obrigas.

Apoiamos ao o persoal das bibliotecas municipais e as iniciativas que, tanto a prol da súa mellora laboral, da súa seguridade xurídica e da recuperación dos seus salarios, como na garantía dos servizos públicos do sistema bibliotecario da Coruña, leven a cabo.

E chamamos á cidadanía a apoiar aos traballadores e traballadoras na defensa dos seus dereitos profesionais e na loita pola mellora dos servizos.

Na Coruña a 8 de maio de 2019

 

Advertisements

Proposta de Bamad Galicia aos partidos políticos ante as eleccións xerais 2019

Como asociación representativa do sector en Galicia, e Federada a nivel estatal dentro de Fesabid, sentímonos no deber de dirixirnos aos principais partidos políticos que se presentan ás eleccións xerais de abril de 2019 cunha serie de propostas reivindicativas que cremos que poden ser facilmente asumibles polos partidos e que contribuirían á mellora dos servizos culturais, bibliotecas e arquivos, tanto os que conforman as nosas redes e sistemas de ámbito autonómico como os de titularidade estatal.

ARQUIVOS

Posto que sobre os arquivos de Galicia e as diversas redes e sistemas converxe ou pode converxer a acción de distintas administracións, desexamos pór sobre a mesa diferentes necesidades que deben ser abordadas, tanto conxuntamente como desde cada un dos niveis.

En todos os ámbitos administrativos pedímoslles que adopten como propio o lema escollido pola ONU para o día Internacional da muller este 8 de marzo de 2019: Pensemos en igualdade, construamos con intelixencia, innovemos para o cambio, e o apliquen consecuentemente na xestión da totalidade dos arquivos de Galicia. As políticas de igualdade son unha obriga legal, e todos os niveis administrativos deben implicarse no seu desenvolvemento, para permitirnos configurar unha memoria conscientemente construída da que participemos equitativamente as mulleres, tanto como actoras como en canto que traballadoras recoñecidas no noso sector.

No que se refiere á Administración do Estado:

1) En Galicia contamos con arquivos de titularidade estatal y xestión transferida á Comunidade Autónoma: Para estes, a acción da administración do Estado debería centrarse na dotación de edificios adecuados á recollida, custodia e servizo dos fondos, posto que padecen unha carencia crónica de espazo, e están incapacitados para cumprir os seus fins, poñéndose así o Patrimonio Documental do país en risco de perda e destrución, minorando os dereitos da cidadanía en materia de acceso e defensa dos seus dereitos. Necesitamos intervencións áxiles, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense aínda non conseguiu estrear a súa nova sede despois de 19 anos de obras.

2) Tamén contamos con Arquivos na nosa comunidade de titularidade e xestión estatal, concretamente os arquivos militares, tanto o Arquivo Militar Intermedio do Noroeste como o Arquivo Naval, ambos os dous con sede en Ferrol. O primeiro, infradotado e polo tanto con dificultades para cumprir as súas funcións de servizo á cidadanía, o segundo directamente sen persoal técnico ao seu cargo. Pedimos ao Estado a súa implicación na dotación non só de infraestruturas, senón tamén de medios materiais e persoais, que poñan en valor a súa inmensa riqueza patrimonial e faciliten á cidadanía o acceso ás fontes documentais, sen esquecer a perspectiva de xénero.

3) Queremos que as novas ferramentas conceptuais de organización e descrición de arquivos se fagan con perspectiva de xénero, e que se negocie a incorporación da mesma nas ferramentas en construción nos ámbitos internacionais onde a administración do Estado nos representa a todas as arquivistas; e que esta perspectiva se aplique ademais á ferramenta PARES, contribuíndo así á visibilización das mulleres non só nos arquivos, senón tamén nos documentos, de forma transversal e non só vinculada a efemérides e a persoas concretas.

Queremos que as mulleres sexan visibles tamén nos foros profesionais, e defendemos a súa presenza neles en igualdade aos compañeiros varóns.

Pedimos ademais que o recentemente creado Observatorio de Igualdade de Xénero do Ministerio de Cultura inclúa os arquivos no seus plans de traballo.

En canto á administración Autonómica:

1) Pedimos unha xestión áxil e eficaz, dotando aos centros propios e aos xestionados do persoal e os medios materiais e tecnolóxicos que lle permitan cumprir non só co seu papel de garantes da custodia patrimonial, senón tamén participar dos procesos de mellora que poñen ao noso alcance as novas tecnoloxías e os novos paradigmas de xestión electrónica.

2) Como medida inmediata, queremos que o Plan de Arquivos, previsto na Lei de Arquivos de Galicia, que levamos esperando 4 anos se presente de inmediato, e que se realice con perspectiva de xénero para todos os procesos arquivísticos.

3) Pedimos ademais recoñecemento da nosa profesión e posta en valor do noso traballo, a través de salarios dignos e niveis adecuados.

4) Queremos apoio loxístico desde a administración autonómica para os arquivos municipais, tan mermados de recursos e tan esquecido, porque consideramos fundamental garantir o dereito da cidadanía de todos os municipios de Galicia á cultura e polo tanto a uns servizos de arquivo que fagan partícipes a todas as personas do uso, desfrute e conservación do patrimonio documental.

Para isto é imprescindible asumir o deber de dotar destes servizos en todos os niveis administrativos e en todos os concellos de Galicia ben como servizos propios, ou ben mancomunalos, compartilos ou xestionalos desde as Diputacións.

Desde a Asociación propoñemos que os partidos políticos asuman o compromiso de que os concellos de máis de 10.000 habitantes dispoñan de Arquivo, con persoal titulado á frente dos mesmos.

En canto á administración local:

No ámbito da administración local, apelamos ao papel das Diputacións como provedoras de servizos de arquivo, tanto para si mesmas como para os concellos pequenos.

No caso das propias diputacións, pedimos que todas elas conten con arquivos e profesionais á súa frente, tanto para poder atender os seus propios fondos como para contribuír á dotación e servizo dos arquivos municipais, dotados de medios económicos e tecnolóxicos adecuados.

E concretamente en materia de arquivos municipais, situados no corazón do nivel administrativo máis próximo á cidadanía, moitas veces carentes de recursos para prover as súas necesidades, é preciso dotar os arquivos, existentes ou de nova creación no concello, de instalacións adecuadas para o desenvolvemento dos servizos, e facilitarlles medios materiais, tecnolóxicos e persoais para poder xestionalos, visibilizándoos e difundíndoos para que a cidadanía coñeza a importancia destes servizos para a cultura, a educación, a formación, o ocio, a garantía de dereitos e para a conservación e difusión da memoria das localidades.

BIBLIOTECAS

No que se refiere á Administración do Estado:

En Galicia contamos con bibliotecas de titularidade estatal e xestión transferida á comumidade autónoma. Para estas bibliotecas a acción da administración do Estado debería centrarse nos seguintes puntos:

1) Unha biblioteca Pública do Estado en Vigo: sabemos que xa se realizaron reunións e visitas á cidad co obxectivo de escoller o mellor emprazamento para unha biblioteca pública do Estado. Desde a nosa asociación solicitamos que non se abandone o tema, que se aborde o máis rápido posible coa finalidade de que a cidade máis poboada de Galicia poda contar en breve cun servizo bibliotecario adecuado, dotado dunhas instalacións, persoal e servizos acordes á cidade.

2) Favorecer a posta en marcha e traslado da súa xestión á Xunta de Galicia do novo edificio da biblioteca pública de Ourense, que acumula xa 19 anos de demora.

3) Establecemento dunha verdadeira política de estado en materia de coordinación de bibliotecas que teña como fin primordial corrixir as desigualdades que existen no acceso a servizos bibliotecarios suficientes e de calidade. Ao redor de uns 3000 municipios do estado, decenas no caso de Galicia, carecen de servizo bibliotecario. A lectura e o acceso á información é un dereito de toda a cidadanía polo que os poderes públicos deberán velar por el, posibilitando que toda a cidadanía, con independencia do lugar onde resida, teña acceso á lectura e á información, á formación e ao ocio. As bibliotecas son as institucións públicas que mellor poden axudar a que todas e todos gocemos deste dereito.

4) A inclusión das bibliotecas e do resto das institucións da memoria nas accións encamiñadas á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 das Nacións Unidas. As bibliotecas como lugares para a liberdade, o encontro, a solidariedade, a educación ao longo da vida, a convivencia cidadá, a cultura, a información e a creatividade, poden axudar a corrixir as desigualdades sociais e contribuír ao cumprimento de moitas das metas e obxectivos da Axenda 2030.

5) A mellora da coordinación bibliotecaria en todo o territorio estatal, desenvolvendo as leis estatais de maneira que se recollan estándares de servizo público en materia de bibliotecas e responsabilidades de financiamento.

6) Recuperación do nivel de financiamento das bibliotecas nos Orzamentos Xerais do Estado aos niveis anteriores á crise.

En canto á administración local:

No ámbito da administración local, apelamos ao papel das Diputacións como provedoras de servizos de bibliotecas para os concellos pequenos.

Desde a asociación propoñemos que os partidos políticos asuman o compromiso de que os concellos de máis de 5.000 habitantes dispoñan de Biblioteca propia (como esixe a lexislación).

En materia de bibliotecas municipais, moitass veces carentes de recursos para desenvolver as súas actividades, é preciso dotar as bibliotecas, existentes ou de nova creación no concello, de instalacións adecuadas para o desenvolvemento dos servizos, e facilitarlles medios materiais, tecnolóxicos e persoais para poder xestionalos, visibilizándoos e difundiéndoos para que a cidadanía coñeza a importancia destes servizos para a cultura, a educación, a formación, o ocio, a garantía de dereitos e para a conservación e difusión da memoria das localidades.

Na Coruña a 17 de Abril de 2019

Alegacións de Bamad ao proceso de funcionarización do persoal laboral da Xunta de Galicia.

A semana pasada enviamos alegacións ao proceso de funcionarización do persoal laboral da Xunta.

A Dirección Xeral de Función Pública presentou un borrador das equivalencias do persoal laboral a funcionarios. Nestas equivalencias propoñen pasar todo o persoal auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos do grupo IV ao C2. Creando un grupo C1 vacío ao que no futuro se podería crear postos de traballo que permitisen a carreira profesional e a promoción dentro dos corpos de arquivos, bibliotecas e museos.

Desde a Asociación, coincidindo coas alegacións presentadas por sindicatos e polo propio persoal deste corpo, solicitamos a equivalencia ao corpo C1 para equiparalo coa situación actual nas universidades e noutras administracións.

Un saúdo da Xunta Directiva

%d bloggers like this: